Boa demanda e prezos sen moita variación nos produtos para o cocido
"O que máis se vende é a cacheira, e logo calquera tipo de miudanza, como costela, rabos, orellas, uñas, pero o máis demandado é a cacheira sempre"
Lalín completa o mes do cocido, como lle din, co día de San Valentín, pero este evento de inverno aínda ten por diante as datas principais. O comercio de produtos cárnicos de porco e os de grelo e repolo están en tempada alta.
"A xente que vén de Galicia ou mesmo de máis lonxe comer o cocido tamén pasan polas carnicerías e levan o produto ben afumadiño para facer un cocido nas casas", explica Rodrigo, da carnicería A Principal, e engade: "O que si, o produto ben afumado, afumadiño e sequiño, iso é o chas de facer un bo cocido de Lalín. O que máis se vende é a cacheira, que non pode faltar nun cocido, e logo calquera tipo de miudanza, como costela, rabos, orellas, uñas, pero o máis demandado é a cacheira sempre".
E os grelos, para a parte verde do cocido. Daniel tenos acabados de coller e de produción propia con boa demanda: "Está indo ben; o normal como todos os anos polo cocido. Véndese bastante grelo, nós témolo de colleita propia. E logo véndese bastante repolo".
Os prezos, máis ou menos igual. A diferenza é pequena (respecto ao ano pasado), un dez por cento máis ou menos. Anda o grelo sobre os 2,90-3 euros o mañuzo dun quilo cen ou quilo douscentos, e o repolo entre 1,30 e 1,70; depende da variedade", conta Daniel de la Torre, socio de Lalín Frut.
Di Rodrigo que repite prezos do ano pasado no que respecta á carne curada: "Nós, en canto a produto afumado e curado para o cocido, non subimos os prezos respecto ao ano pasado".
Ata chegar ao 23, cume do cocido en Lalin, di Rodrigo que veñen días de boa demanda deste tipo de produtos que requiren tempo previo para telo listo para engadir á pota o día D.