A Feira Multisectorial de Narón reúne máis de 30 postos e unha ampla oferta
Alimentación, plantas, maquinaria agrícola e artesanía compartiron espazo no recinto feiral do Trece
A feira multisectorial de Narón é exactamente o que promete, un espazo único para unha oferta moi diversa e practicamente irresistible. Entre o numeroso público que se achegou ao recinto feiral do Trece, unha muller comenta que xa mercou uns pendentes
"E seguramente levarei algunha planta, porque sempre picas algo e de paso pasas o domingo", comenta.
Nos postos de plantas, chaman a atención as trescentas especies de cactos que trouxo Ángel Lago desde os seus invernadoiros de Narón.
"Agora estamos en primavera e xa están abrindo as flores. É o momento perfecto para vir vender á feira e que a xente vexa que hai moitos máis cactos que os cinco ou seis que se venden sempre nos supermercados", explica.
Hai maquinaria agrícola, artesanía e, sobre todo, unha apetitosa variedade de produtos de alimentación con selo galego, doces e salgados.
E, por haber, tamén hai libros. Laureano Oubiña, nome propio na historia do narcotráfico en Galicia, asinou exemplares das súas obras nun posto compartido con botellas de viño.