A faciana máis doce da Semana Santa atopámola nas pastelerías
Roscas de Pascua, ovos e monas de chocolate ou torradas son o máis demandado nestas datas
A Semana Santa é sinónimo de torradas, un doce habitual en moitas casas, pero que aquí en Galicia non adoitaba venderse en pastelerías. Agora xa podemos atopalas en moitos negocios como a Confeitería Miguel, en Ourense.
Hai días que poden chegar a facer ata 500. O seu segredo é un pan brioche especial. Pero o que máis se vende, din, segue a ser a rosca de Pascua. É igual ca a de Reis e tamén admite recheo. A diferenza é que non leva sorpresa ou é unha adaptada a estas datas.
E dende hai anos, a Semana Santa ten como protagonistas nas pastelarías os ovos e figuras de chocolate, o agasallo típico das madriñas e padriños. Auténticas obras de arte que comezan a elaborar xa cando remata o Entroido e que se adaptan ao gusto e as afeccións de cada neno.