A empanada, un dos pratos máis populares da nosa gastronomía
O 8 de abril celébrase o Día Mundial da Empanada
Ten as súas orixes máis remotas nos exipcios e na Grecia clásica, pero realmente quen a fixo popular foron os árabes, que a trouxeron a España
En Galicia démoslles un ADN propio, poucas hai no mundo como as galegas
É un dos pratos máis populares da nosa gastronomía. Apreciado pola súa textura suave e crocante. Hoxe hai tantas variedades de empanada como gustos.
A que máis se vende é "a de bonito, hai xente que non arrisca, gustalle a todos, é sen dubida a que máis se vende", asegura Nuria Reguera, panadeira en Lugo. Nesta zona tamén triunfa a de liscos ou a de anguía. "A miña preferida é a que se fixo toda a vida na aldea, a de touciño e chourizo", afirma un home.
No sur do país, as máis demandadas son as de millo con sabor mariñeiro. "De anguías, de polbo, de liscos, de bonito, zamburiñas, todo o que lle metan dentro", comenta un home.
A empanada é foco de innovación, incorporando novos recheos. Hainas con sabor tradicional como a de lacón con grelos, ou con queixo e tamén as hai veganas. "Paréceme ben que a fagan de grelos pero a min os grelos gústanme cocidos, no cocido", asegura un home. Outro di que: "Probei unha de chipiróns na súa tinta que estaba moi rica".
Para o día da festa, para ir de pícnic ou cando hai présa, a empanada é un prato moi socorrido. "Cando estás traballando que non tes tempo de facer a comida, colles empanada e xa tes a comida feita", explica unha muller.
Hai quen segue preferindo facer o recheo na casa e logo o leva a panadería para que lle fagan a masa. "Eu fago o recheo con bonito cebola e ao mellor algo de xamón", comenta unha muller.
Doces, salgadas, de trigo, de millo, de follado... A súa importancia na nosa gastronomía fai que xa apareza esculpida nunha das tallas do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago.