A importancia dunha boa campaña publicitaria para abrirse con éxito a novos mercados
A galega Late & Late sorprende coa súa estratexia de mercadotecnia
Inaugura a súa segunda tenda no País Vasco no medio de moita expectación
Uns vinilos ocultan o que hai tras o escaparate. Non deixan indiferente a ninguén. Todos os que transitan pola rúa Dato de Vitoria están expectantes por saber quen será o novo inquilino da que ata non hai moito era unha tenda de cosmética. As mensaxes deixan algunhas pistas de por onde van os tiros, ou esa é, cando menos, a intención dos responsables da chocolatería galega que inaugura nova tenda no País Vasco.
"Cando saímos de Galicia queremos saír deixando ben en alto o nome, saímos con Inditex da man, non por xerar polémica, nin moito menos, queremos estar presentes xunto a eles, non facemos o mesmo pero é un empurrón para que nos coñezan fóra", explica Albany Villegas, encargada de Late & Late na tenda de Santiago.
Nesta campaña publicitaria non se deixa nada ao azar. As palabras xogan tamén con expresións locais
"Si quixemos deixar alí este xogo coa lonxa, sabendo que en Euskadi chámanlle lonxa ás tendas. E tamén ese aceno galego de: non vendemos marisco pero vimos aquí a abrir unha lonxa e seguramente que o que atopes dentro vaiche encantar", continúa Albany.
Todo isto forma parte dunha campaña de mercadotecnia que busca entrar na mente do consumidor e xerar expectación.
"Cando son campañas así tan locais, temos que achegarnos á sociedade e aos cidadáns da cidade e hai certos xestos que poden ser, esa empresa de referencia da cidade ou o produto que vou vender que sempre que dás unha pequena pista imos facer que o consumidor active a súa mente e empece a pensar e con iso que conseguimos? Que o impacto sexa maior", apunta o publicista Fernando Rodríguez de la Torre.
E tan maior, tanto que non só na cidade de Vitoria se fala desta campaña.