Alumnos do CIFP Ferrolterra fabrican casas niño de madeira de piñeiro para loitar contra as pragas de moscas
Alumnos do CIFP Ferrolterra fabrican casas niño de madeira de piñeiro para loitar contra as pragas de moscas
En menos de tres meses foron quen de elaborar 315 refuxios para aves insectívoras
Contan con instalalos xa en marzo, antes da época de cría
Cheas de moscas. Así quedan moitas das casas da parroquia naronesa do Val cando chega a primavera. Un problema para o que os alumnos do primeiro curso da FP Básica de Madeira cren ter a solución coa fabricación destas casas niño e refuxios para morcegos.
"As caixas para que os paxaros fagan o seu niño, se reproduzan e coman as moscas e todo tipo de insectos dos que viven. Todo o material mércao o Concello de Narón e nós poñemos a man de obra", explica Enrique Pazo, o director do CIFP Ferrolterra.
15 alumnos, 14 mozos e 1 moza, foron os encargados de todo o proceso. En total fabricaron 315.
"Hai que mirar todas as pezas e marcalas. Despois comezamos a cortar e pegar con cola". "Fixémolo todo moi rápido e, entre todos, o conseguimos", explican os alumnos.
E todo isto é froito dunha colaboración que xa comezou o curso pasado cando o Concello de Narón lles encargou 200 casas-niño e 50 refuxios para morcegos. O éxito foi tal que este ano repetiron.
"A min paréceme estupendo, a ver se fan algo. Hai dous e tres anos era horrible. Non podiamos nin comer na casa porque estaba toda chea de moscas".
"Eu teño unha casiña desas que me deron o ano pasado e xa hai un niño alí".
Agora, os interesados xa as poden solicitar. Son de balde. O único requisito é instalalas en propiedades do concello de Narón.