Sobe a 40 a cifra de vítimas mortais tras unha explosión múltiple nun porto iraniano
Varios contedores que almacenaban produtos químicos estouparon este sábado por causas aínda sen determinar
Polo menos 40 persoas morreron e máis de 800 resultaron feridas na explosión múltiple rexistrada este sábado no porto de Shahid Rajai, na cidade de Bandar Abás, no sur de Irán, segundo o último reconto de vítimas.
O potente estoupido produciuse tras o incendio de varios contedores con suposto material químico, almacenados nun dos peiraos. Case trinta horas despois, o lume continúa pero está baixo control.
A explosión, que se sentiu a 50 quilómetros, provocou un tremor na contorna. O presidente iraniano, Masud Pezeshkian, viaxou a Bandar Abás onde visitou as persoas hospitalizadas e o lugar do sinistro.
O Goberno declarou un día de loito nacional para este luns.

Causas do incidente
Polo momento, continúa a investigación das causas. O Ministerio de Defensa iraniano negou a existencia de calquera cargamento para o uso militar no porto.
"Segundo as investigacións e as probas, non houbo nin hai cargamento importado ou exportado para uso militar na zona do incendio", asegurou o portavoz da carteira militar, o xeneral de brigada Reza Talai Nik, en declaracións á televisión estatal.
Deste xeito, reaccionou aos informes dalgúns medios internacionais que falan dun cargamento de "combustible de foguetes de perclorato de sodio" procedente da China, recibido en marzo, baseándose nun reporte da empresa de seguridade privada Ambrey.
"O incendio foi resultado dun manexo incorrecto dun cargamento de combustible sólido que se usaría nos mísiles balísticos de Irán", sinalou Ambrey.
Talai Nik asegura que os medios de comunicación estranxeiros tentaron "crear un gran balbordo sobre este asunto", e pediu agardar á conclusión das institucións responsables sobre a orixe do incidente.
O porto de Shahid Rajai sufriu no 2020 un ataque cibernético do que Irán acusou a Israel.

Loito nacional
"Tras o tráxico incidente en Bandar Abbás, o goberno declarou mañá (luns) día de loito nacional", escribiu en X a portavoz do Goberno iraniano, Fatemeh Mohajerani.
A funcionaria solidarizouse coas familias das vítimas e expresou as súas condolencias.
"Irán está ao seu lado", afirmou.
Mentres, o Ministerio de Saúde emitiu unha alerta e recomendoulle á poboación da provincia de Hormozgan que evite saídas innecesarias da casa pola liberación de gases tóxicos.
As escolas, as universidades e as oficinas estiveron pechadas durante a xornada do domingo.