O Sergas amplía os beneficiarios do sistema personalizado de dosificación de fármacos
Os pacientes de 70 anos ou máis que vivan sós e teñan prescritos como mínimo dez medicamentos poderán acceder a este sistema

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) actualizou os criterios do Programa de Mellora da Adherencia Terapéutica a través da preparación e entrega de sistemas personalizados de dosificación de medicamentos en colaboración coas oficinas de farmacia co obxectivo de ampliar o número de beneficiarios deste sistema de xestión gratuíto.
Segundo informa a Xunta nun comunicado, a partir de agora poderán acceder a este servizo gratuíto nas farmacias todos os pacientes de 70 ou máis anos que teñan prescritos un mínimo de dez medicamentos e que vivan sós ou sen unha rede de apoio sociofamiliar adecuada.
Ademais, engádese un criterio de excepcionalidade para a inclusión de pacientes que teñan menos de 70 anos pero que manifesten especiais problemas para o uso correcto dos medicamentos.

A Consellería de Sanidade puxo en marcha este programa no ano 2023 para maiores de 75 anos e con 13 ou máis medicamentos e foi ampliando o número de beneficiarios coa modificación de criterios de acceso.
O sistema consiste nuns dispositivos dotados cunha serie de compartimentos en que se distribúe a medicación que ten que tomar o paciente durante un tempo determinado. Son elaborados polas oficinas de farmacia despois da dispensa dos medicamentos. A finalidade é reducir os erros na toma de medicación.