A espera para unha cirurxía apenas se reduciu en Galicia en 2024 e está nos 67 días
O conselleiro de Sanidade defende que a situación en Galicia "é mellor que na media de España", e mentres na sanidade pública galega son menos do 4 % dos pacientes que agardan máis de seis meses para operarse, no conxunto do Estado esa cifra supera o 24 %
O tempo medio para ser operado en Galicia foi de 67,1 días en 2024, apenas medio día menos que un ano antes, cando había que esperar 67,5 días, segundo os datos do balance de actividade asistencial e de listas de espera divulgados este venres.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado do xerente do Sergas, José Ramón Parada, e do director xeral de Asistencia Sanitaria, Alfredo Silva, presentou os datos en conferencia de prensa, na que defendeu que "a situación en Galicia é mellor que na media de España" e "con moita diferenza está entre as máis baixas".
Ao 31 de decembro de 2024 había en Galicia 48.335 pacientes en lista de espera para unha operación, dos que o 3,9 %, máis dun punto superior ao ano anterior, levaban esperando máis de seis meses.
No conxunto de España, a porcentaxe de pacientes que esperaba por unha operación durante máis de 180 días foi do 24,3 %, máis de vinte puntos que en Galicia.
Durante 2024 a comunidade superou a barreira dos 200.000 galegos operados, con 204.829, un 5,6 % máis que un ano antes; aos que se lles realizaron 226.722 intervencións, un 6,1 % máis.
A pesar desta espera media para unha cirurxía, a Xunta destaca que os pacientes considerados como Prioridade Un -os de patoloxías máis graves e urxentes- esperaron de media 17,1 días en 2024 para ser intervidos, unha mellora de 3,5 días respecto a 2023, cando a espera foi de 20,6 días.
Cada vez máis operacións entre maiores de 90 anos
Un dos datos sobre os que chamaron a atención os responsables sanitarios é o incremento de intervencións a persoas maiores de 90 anos, con 4.200 persoas operadas neste tramo de idade en 2024, un 12,7 % máis que un ano antes.
Entre as patoloxías máis operadas para este grupo de idade, as cirurxías xerais e dixestivas e as de uroloxía representaron un 36,6 % do total; seguidas das intervencións de dermatoloxía, un 16,4 % e de traumatoloxía, un 12,1 %.
Para o conxunto da poboación, a maior porcentaxe de operacións foron da área de otorrinolaringoloxía, un 8,1 %; seguidas polas de cirurxía xeral e dixestiva, un 7,5 % e as de uroloxía, un 5,3 %.
Case 5 millóns de consultas externas cunha demora media de 60,8 días, 12,6 días menos que en 2023
O director xeral de Asistencia Sanitaria, Alfredo Silva, detallou que en 2024 realizáronse en Galicia 4.853.898 consultas externas, un 2,7 % máis respecto ao ano anterior, cunha demora media de 60,8 días, por 73,4 días un ano antes.
Ao 31 de decembro de 2024 había en Galicia 196.267 persoas en lista de espera para unha consulta externa, 16.014 menos que doce meses antes.
Un 36 % destes pacientes, máis de 70.000 persoas, levaban máis de seis meses en lista de espera; mentres que no conxunto de España a porcentaxe elevábase ao 56,3 %, máis de vinte puntos superior á media galega.
Tamén aumentou o número de probas diagnósticas o ano pasado ata as 3.622.678, un 4 % máis, cun tempo medio de espera de 87,3 días, 6,2 días menos que un ano antes.
Manifestación de SOS Sanidade Pública
O conselleiro de Sanidade, preguntado por unha nova convocatoria de manifestación para defender a sanidade pública, asegurou que ten "o máximo respecto" por todas as persoas que queren manifestarse, aínda que considerou que na súa opinión "non hai motivos" para facelo.
"Os datos e o traballo non concordan moito cos motivos da manifestación", abundou o conselleiro, que defendeu que a sanidade pública en Galicia está "a mellorar".
"E despois está o de sempre", engadiu Gómez Caamaño, que volveu a apuntar á utilización política da sanidade por parte dalgúns.
A Xunta apela a "pensar o mellor" para os alumnos e "optimizar" a docencia de Medicina
O conselleiro de Sanidade defendeu ademais que a Xunta respecta a todas as partes na problemática da docencia de Medicina "ante o exceso de alumnado" e apelou a "pensar o mellor" para os estudantes desta facultade da Universidade de Santiago de Compostela co fin de "optimizar" a docencia.
Gómez Caamaño dixo que a Consellería valora a reunión mantida onte xoves para abordar o que cualificou como optimización dos recursos, máis que unha descentralización. "É un camiño aberto e hai que andalo", indicou o conselleiro, e insistiu en que unicamente hai unha facultade, na USC, e que fai dez anos abriuse a posibilidade de compartir algún tipo de docencia coas outras dúas universidades.
Gómez Caamaño sinalou que na reunión de onte falouse da docencia práctica; é dicir, en centros hospitalarios, non da teórica, aínda que dixo que lle parece ben que a Facultade de Medicina sexa a que lidere os debates.
"A vontade da Xunta é solucionar o problema: o exceso de alumnos da facultade de Santiago", insistiu o conselleiro, que deslizou que "o Hospital Clínico (de Santiago) se cadra non está nas mellores condicións posibles para dar a formación" e "se hai profesores e recursos en Vigo e A Coruña que poden axudar a que a docencia sexa mellor por que non usalos", preguntouse.