"Confiamos en que a declaración ambiental clarifique as dúbidas e se siga tramitando o proxecto"
O CEO de Altri afirma que a planta non causará impacto negativo na comarca: "Non temos coñecemento de ningún tipo de afectación"
José Soares de Pina avanza un investimento de 80 millóns de euros para o tratamento de augas, "unha cantidade inusitada e con tecnoloxías únicas no mundo"
Altri confía en que a o aval ambiental que o venres aprobaba a Xunta para a instalación da fábrica de fibras téxtiles en Palas de Rei permita seguir adiante coa tramitación do proxecto.
Nunha entrevista no Bos días, o CEO da multinacional portuguesa, José Soares de Pina, asegura, tras a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorable: "Miramos cara á administración central polo tema do financiamento e a conexión coa rede eléctrica, coa intención de conseguir canto antes a licenza ambiental integrada".
"O Goberno coñece moi ben o proxecto e confiamos en que a declaración de impacto ambiental clarifique todas as dúbidas que puidesen existir sobre o cumprimento de todas as normativas para que o Goberno poda seguir tramitando o proxecto".
Preguntado polo impacto do proxecto na contorna, Soares de Pina afirma, pola experiencia da que dispoñen: "Non temos coñecemento de calquera tipo de afectación", e pon como exemplo unha planta similar que o grupo ten en Portugal.
O CEO de Altri afirma que a auga que se vai captar para empregar no proceso produtivo será despois devolta e insiste en que, segundo a DIA, non hai afectación ao estado natural do río. Afirma que a empresa fixo un investimento inusitado de 80 millóns de euros para o tratamento ambiental da auga e empregará tecnoloxías únicas na industria no mundo.
Soares de Pina indica que a implantación de Altri non suporá a eucaliptización de Galicia, xa que neste momento hai exceso desta especie no país.
Insiste en que o desembarco da multinacional en Galicia suporá a creación de polo menos 500 postos de traballo directos e outros dous mil indirectos e un investimento de mil millóns de euros.