Publicador de contidos

Publicador de contidos

Centos de persoas e dirixentes de BNG e PSdeG protestan en Arzúa contra o permiso ambiental a Altri

Centos de persoas e dirixentes de BNG e PSdeG protestan en Arzúa contra o permiso ambiental a Altri

Ángeles Vázquez: "Que non falen de bomba ambiental, que digan que non queren progreso"
 

Un momento da mobilización contra Altri en Arzúa este domingo (EFE/Lavandeira jr) Un momento da mobilización contra Altri en Arzúa este domingo (EFE/Lavandeira jr)
G24.gal 16/03/2025 13:05

Centos de persoas encheron a praza de Galicia de Arzúa -un dos concellos da conca do Ulla- para clamar contra o proxecto que Altri quere instalar en Palas de Rei (Lugo) e para rexeitar "con contundencia" a resolución ambiental da Xunta.

Cánticos como "A auga é nosa e non da celulosa"; "Altri mata e a mina remata"; "Nin Altri nin mina, Rueda Contamina"; "Altri Non!", resoaron este domingo coincidindo coa recoñecida Festa do Queixo para demostrar que o proxecto "terá licenza administrativa pero non social".

"A Xunta publicou a declaración de impacto ambiental do proxecto de AltriGreenalia en Palas de Rei. O primeiro paso para permitir a súa instalación. A noticia que acabamos de recibir, non por esperada deixa de ser triste", clama o manifesto lido este domingo en Arzúa.

Nese manifesto da plataforma Ulloa Viva, a mensaxe principal foi o de que "o proxecto terá licenza administrativa, pero non social", razón pola que a veciñanza de todos estes lugares non permitirá "que veñan arrebatarnos a vida, a saúde".

"Exercitaremos todas as medidas administrativas e xudiciais en contra das resolucións que autoricen o proxecto Altri. Eternamente, Altri non". 

Esta foi unha das nove concentracións que tiveron lugar este domingo na conca do Ulla, xa que a Plataforma Ulloa Viva chamou a encher "cada praza de cada vila de Galicia" polos que pasa o río Ulla, entre eles, Antas, Melide, Monterroso e Palas de Rei.

 

Con todo, foron varios os líderes políticos que se sumaron a esta concentración, entre eles, a portavoz nacional do BNG. Ana Pontón destacou a "dignidade" dos galegos contra este proxecto, fronte a "traizón" do PP. 

Tamén quixo estar presente nesta mobilización a secretaria de Organización do PSdeG-PSOE, Lara Méndez. Méndez, afeou o que considera un "interese desmedido" da Xunta coa planta de celulosa e fibras téxtiles de Altri en Palas de Rei, así como o "escurantismo total" do PP con este proxecto. Na súa opinión, a Xunta aprobou o permiso ambiental a Altri "en contra" das directrices da Unión Europea.

Respeto ás mobilizacións pero tamén aos informes técnicos

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, pediu á oposición, principalmente ao BNG, que non se refira á controvertida macroplanta de celulosa e fibras téxtiles que expón Altri en Palas de Rei (Lugo) como unha "bomba ambiental" senón que recoñeza que "non queren progreso".

A representante da Xunta expresou o seu "respecto máximo" ás persoas ás que non lles gusta o proxecto, ás que saian á rúa este domingo para protestar, pero tamén lles solicitou "respecto aos informes técnicos" que avalaron a Declaración de Impacto Ambiental (DIA).

En declaracións aos xornalistas en Oroso (A Coruña), reclamou que os opositores á planta "non utilicen a desculpa medioambiental" porque "está perfectamente garantida".

A DIA, dixo, "conclúe que non hai efectos significativos" se se implanta esta empresa en Palas, e lembrou que está avalada por "32 informes e 42 técnicos".

"Non hai afección sobre a saúde das persoas, non hai afección significativa sobre especies protexidas nin tampouco sobre o Camiño de Santiago; é perfectamente compatible coa agricultura e a gandería, incluída a ecolóxica", reflexionou a conselleira.

Aos nacionalistas acusoulles de cambiar de "parecer" sobre a planta de Altri "o día seguinte das eleccións" e criticoulles que falen "continuamente de bomba ambiental".

"Que digan que non queren o progreso", suxeriulles Vázquez, quen afirmou que, pasada a DIA, o que queda é a autorización ambiental, que tamén corresponde á autonomía, e "a partir de aí", xa non estará "en mans" da Xunta, senón do Goberno central, que "ten que dar ese permiso de acceso" á rede eléctrica á planta.

Insistiu en que a DIA establece unhas "garantías" que "son totais e absolutas" porque a Altri esíxeselle "máis" que "o cumprimento estrito da lei para salvagardar absolutamente todo". 

 

O PP pídelle ao Goberno que rectifique

O portavoz de Industria do Partido Popular no Congreso, Francisco Conde, demandou ao Goberno central que "rectifique" sobre a planta de Altri en Palas de Rei e lle dea impulso, porque a ten "bloqueada".

O exconselleiro de Economía e Industria sostivo que, unha vez que a planta conta coa Declaración de Impacto Ambiental (DIA), é "o momento" da empresa e do Executivo nacional.

"A realidade do proxecto de Altri é que hai "un informe ambiental que garante a súa viabilidade desde o punto de vista do impacto no territorio", dixo. "Por iso é o momento de Altri e do Goberno central, dos seus compromisos. Altri ten que garantir que vai cumprir con todos os condicionantes que marca a Xunta de Galicia e ao mesmo tempo ten que garantir a viabilidade económica e financeira do proxecto e o seu impacto de valor engadido en Galicia".

"O Ministerio de Industria sabe que ten o proxecto bloqueado e que ten a responsabilidade de defendelo en Bruxelas sabendo que cumpre con todos os criterios ambientais e industriais que marca a propia Comisión Europea", asegurou.

Segundo el, "o Ministerio de Transición Ecolóxica sabe perfectamente que o proxecto precisa das infraestruturas para conectarse á rede (eléctrica) e, por tanto, tamén a súa viabilidade depende destes investimentos".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade