Publicador de contidos

Publicador de contidos

O ataque a grande escala dos EUA no Iemen deixa máis de 30 vítimas mortais

O ataque a grande escala dos EUA no Iemen deixa máis de 30 vítimas mortais

Segundo as milicias hutís, hai máis dun cento de persoas feridas en distintos puntos do país

Irán responde a Trump que non ten autoridade para ditar a súa política exterior

Un barcos dos EUA lanza mísiles contra os hutís. Comando Central vía REUTERS
G24.gal 16/03/2025 09:02 Última actualización 16/03/2025 10:47

Polo menos 31 persoas morreron e máis dun cento resultaron feridas nos ataques aéreos lanzados nas últimas horas polos Estados Unidos contra os rebeldes xiítas hutís do Iemen en varias cidades dese país árabe, segundo o Ministerio de Saúde dos insurxentes.

O portavoz do citado departamento, Anees al Asbahi, asegurou que se trata dun reconto "preliminar" das vítimas, e asegurou que a maioría son menores e mulleres.

"Segundo estatísticas iniciais, estes masacres deixaron 31 mártires (mortos), mentres que 131 resultaron feridos, todos civís e a maioría deles nenos e mulleres", asegurou.

Advertiu de que o número de mortos pode aumentar debido ao grave estado de varios feridos, e a que "aínda continúan as operacións de desentullo e procura de vítimas".

Sinalou que os ataques tiveron como brancos "zonas residenciais" en Saná, a capital, e outras cidades do centro e o norte do Iemen, incluída Sadá, preto da fronteira con Arabia Saudita e cidade natal do máximo líder dos insurxente iemenís, Abdelmalek al hutí.

A televisión Al Masira, portavoz dos insurxentes, indicou que só os ataques contra o distrito de Qahza, no norte de Sadá provocaron xa a morte de polo menos dez persoas, incluídos catro nenos e unha muller, e outras trece resultaron feridas.

"Decisiva e contundente"

Os ataques contra os hutís, apoiados por Irán, foron ordenados polo presidente estadounidense, Donald Trump, quen anunciou este sábado unha acción "decisiva e contundente" contra os rebeldes iemenís para poñer fin ás súas accións militares e a súa ameaza contra a navegación internacional.

O republicano advertiulle ademais a Irán que o seu apoio a ese grupo debe cesar de inmediato.

"O apoio aos terroristas hutís debe cesar INMEDIATAMENTE! NON ameace o pobo estadounidense, o seu presidente (…), nin as rutas marítimas mundiais. Se o fai, COIDADO!, porque os Estados Unidos esixiralle contas e non será amable ao respecto", dixo na súa rede social, Truth Social.

Os insurxentes advertiron, pola súa banda, que "os masacres" estadounidenses "non quedarán sen resposta", e "non disuadirán o Iemen de seguir apoiando a Palestina e cumprir coa súa obrigación de apoiar a Gaza", segundo un comunicado do seu Consello Político Superior.

Renovación dos ataques

As operacións militares aéreas dos EUA no Iemen prodúcense poucos días despois de que os hutís aseguraran que renovarían os seus ataques contra barcos israelís ou vinculados ao Estado xudeu se Israel non levanta o asedio a Gaza.

O movemento insurxente apoiado por Irán lanzou centos de ataques contra Israel, así como contra a navegación comercial no Mar Vermello e  no Arábigo, desde o estalido da guerra na Franxa de Gaza o 7 de outubro de 2023 en resposta á matanza de palestinos por parte do Estado xudeu. 

Unha das vivendas atacadas polos EUA en Saada. REUTERS/Naif Rahma Unha das vivendas atacadas polos EUA en Saada. REUTERS/Naif Rahma

Resposta de Irán

Irán respondeu este domingo aos Estados Unidos que non ten autoridade para ditar a súa política exterior, tras as advertencias do presidente estadounidense, Donald Trump.

"O goberno dos Estados Unidos non ten autoridade nin competencia para ditar a política exterior iraniana. Esa era terminou en 1979”, afirmou en X o ministro iraniano de Exteriores, Abás Araqchí.

O diplomático iraniano afirmou que o expresidente estadounidense Joe Biden entregou "23.000 millóns de dólares a un réxime xenocida", en referencia a Israel, o que provocou a morte de 60.000 palestinos.

"Deteña o apoio ao xenocidio e ao terrorismo israelí. Deteña a matanza do pobo iemení", agregou Araqchí.

Máxima tensión

A advertencia de Trump prodúcese nun momento de crecente tensión entre Washington e Teherán polo programa nuclear iraniano e o seu apoio a grupos rexionais como Hamás, Hizbulá ou os hutís.

O presidente estadounidense anunciou o venres pasado o envío dunha carta aos líderes iranianos na que os insta a negociar o programa nuclear do país persa e fixo referencia a unha posible acción militar no caso de que non se produza un diálogo.

Ao mesmo tempo que chamou a negociar, o republicano retomou a chamada política de "máxima presión" contra Irán e aprobou novas sancións para cortar a venda de petróleo iraniano.

Teherán indicou que está "a avaliar" a misiva de Trump e insistiu en repetidas ocasións en que non negociará baixo presións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade