Pablo Taboada, alcalde de Palas de Rei: "Altri supón o maior investimento da historia da provincia"
O alcalde de Palas de Rei afirma que a fábrica de celulosa e fibras téxtiles creará emprego e fixará poboación no rural
Pablo Taboada acusa o BNG de cambiar de opinión sobre o proxecto ao non obter os resultados que agardaba nas autonómicas
O alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, defende o proxecto da fábrica de celulosa e fibras téxtiles que Altri quere instalar no seu concello e que vén de recibir o aval ambiental da Xunta. Nunha entrevista na Radio Galega, o rexedor popular asegurou que a posta en marcha da factoría marcará "un antes e un despois" en toda a comarca da Ulloa.
Os que vivimos no rural vemos que a poboación vaise para as cidades (...) e a única posibilidade que temos no rural é crear emprego, crear alternativas e iso é o único que nos move. Isto vai marcar un antes e un despois na nosa comarca. Hoxe, multitude de veciños e propietarios dos terreos fixéronme chegar o seu sentimento, amplamente, e aí estaremos, respectando os informes técnicos favorables que hai, e o que queira suspenderlle o exame a quen o aprobou, pois alá el.
O alcalde da localidade luguesa acusa o BNG de cambiar de opinión sobre o proxecto tras as eleccións autonómicas de 2024. Na Radio Galega, Pablo Taboada afirmou que antes o defendían e que agora o demonizan unicamente por razóns políticas.
Cómpre recordar que, no seu momento, os alcaldes do BNG estaban tolos por ter esta iniciativa nas súas localidades e houbo un cambio de postura a partir das eleccións autonómicas de 2024 porque -ao mellor- non gustou como foron os resultados porque había outras perspectivas (...). É difícil que en ningún sitio, que a alguén que lle propoñan o maior investimento da historia dunha provincia, haxa este rebumbio apoiado en cuestións ideolóxicas, pero -para nada- en cuestións técnicas.
Pablo Taboada admite que pode haber consecuencias xudiciais, pero asegura que está tranquilo e que o goberno local seguirá apoiando un proxecto que considera moi importante para a vila, para a comarca e para toda a provincia.
Que pode haber consecuencias xudiciais? Pois iremos vendo, pouco a pouco, cales son as determinacións xudiciais que se van sucedendo pouco a pouco, pero, máis aló diso, nós tranquilos e apoiando un proxecto que é importante para a nosa provincia, para a nosa comarca e,-por suposto, para o noso pobo, que vai marcar un antes e un despois.