Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta dá luz verde á declaración ambiental de Altri para instalarse en Palas

A Xunta dá luz verde á declaración ambiental de Altri para instalarse en Palas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) para o proxecto da multinacional portuguesa, que ten unha vixencia de "seis anos"

Lorenzana afirma que para que se poda executar, o ministerio de Transición Ecolóxica debe asegurar antes a conexión eléctrica: "O proxecto está en mans agora do Goberno central"

Ánxeles Vázquez recoñece que "ningún proxecto que pretenda asentarse no territorio vai ter un impacto cero" pero os efectos "non poden ser significativos": "Os condicionantes suporán un aporte monetario importante para a empresa, terán que valoralo"

Recreaciñon do proxecto de Altri en Palas de Rei (fonte: Greenfiber) Recreaciñon do proxecto de Altri en Palas de Rei (fonte: Greenfiber)
G24.gal 14/03/2025 08:41

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) para o proxecto da multinacional portuguesa Altri de construír unha fábrica de celulosa e fibras téxtiles no municipio lucense de Palas de Rei (Lugo). 

O permiso -asinado por 42 técnicos da Xunta- outórgase baixo unha serie de "condicionantes" de obrigado cumprimento para a empresa, que terá que obter agora todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes legalmente esixibles para a execución do proxecto.

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana,  e a titular de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, compareceron ante os medios de maneira conxunta a primera hora deste venres para explicar a DIA ao entender que é “un dos fitos” deste proceso que é “excepcional” dada a “expectación” que causou.

Lorenzana. "O proxecto está en mans do Goberno central"

A responsable de Economía remarcou que, para que o proxecto saia adiante, Altri necesita antes cumprir unha serie de "trámites estatais". María Jesús Lorenzana sinalou que é imprescindible que a planta estea interconectada coa rede de transporte de enerxía eléctrica, un paso que “está en mans do Goberno central”.

Coa situación actual, sinalou Lorenzana, "o proxecto non é viable".

A conselleira remarcou que as obras non poderán comezar ata que a empresa non teña onde conectarse: "Non ten sentido construír unha fábrica que non teña conexión eléctrica". A Xunta non emitirá a autorización como "proxecto industrial estratéxico" se a empresa non conta con esa subestación: "A aprobación está condicionada á construción da subestación", recalca.

 

Lorenzana indicou que se presentaron 27.100 alegacións a este proxecto -un delas individuais- que serán "consideradas no expediente" pola empresa. Agora a Xunta deberá analizar nun prazo de entre 10 e 15 días as 6.400 solicitudes recibidas para seren recoñecidas como "persoas interesadas no procedemento". Os que teñan esa condición de "interesado" serán tidos en conta na "resolución integral do proxecto".

A conselleira explicou que antes de que a planta sexa unha realidade deberán cumprirse varios trámites pendentes: a autorización ambiental integrada, o informe da Xunta consultiva e a aprobacion como proxecto industrial estratéxico por parte do Consello da Xunta.

Ánxeles Vázquez: "Os efectos sobre o territorio non poden ser significativos"

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, recoñece que "ningún proxecto que pretenda asentarse no territorio vai ter un impacto cero" pero estes efectos "non poden ser significativos".

Vázquez explica que, para que o proxecto sexa unha realidade, a empresa terá que cumprir cunha serie de "condicionantes".

A conselleira de medio ambiente afirma que "son moitos" os condicionantes que deberá ter en conta a empresa para construír a fábrica de fibras téxtiles en Palas de Rei. "Van supoñer un aporte importante desde o punto de vista tecnolóxico e monetario", sinala. A empresa "terá que valoralo".

Segundo a conselleira, a Declaración de Impacto Ambiental favorable que a Xunta acaba de emitir hoxe ten unha vixencia de seis anos. Se antes esa data a planta non está construída, a declaración "deixa de ter efectos" e a empresa debería volver comezar de novo coa tramitación.

As condicións da Xunta a Altri

O permiso outorgouse baixo unha serie de condicións que obrigan a instalación a empregar tecnoloxías avanzadas para a xestión da auga, cun sistema de captación que garanta un caudal máximo de 46.000 m³ diarios extraídos do encoro de Portodemouros.

A obra de toma consistirá nunha estrutura flotante sobre a cal se instalarán as motobombas que eleven o caudal do encoro de Portodemouros ata a estación de bombeo que se localiza en terra firme. A captación e a vertedura percorrerá os termos municipais de Palas de Rei (Lugo), Santiso (A Coruña) e Agolada (Pontevedra).

Ademais, a Xunta esixe a Altri a implantación de estacións de tratamento para as augas residuais xeradas tanto durante a fase de construción como na de explotación. En concreto, a resolución indica que as augas residuais xeradas no proceso produtivo durante a explotación da planta se tratarán nunha estación de tratamento de augas residuais industriais (ETARI) cun caudal de vertedura de 30.000 m³/día.

As augas residuais sanitarias durante a explotación serán tratadas nunha estación depuradora de augas residuais (EDAR) compacta e modular, cunha capacidade de 50 m³/día.

Esixencias técnicas

Entre as esixencias técnicas destaca a instalación dunha cheminea de 75 metros de altura, deseñada para garantir que todos os parámetros se sitúen no rango do establecido no Real Decreto 102/2011, do 28 de xaneiro. Segundo sinala o texto, con esta altura, as emisións non afectarán á saúde humana ou ao medio ambiente.

En relación cos cheiros, realizouse un estudo preditivo centrado especialmente nos núcleos poboacionais próximos.

No ámbito do ruído ambiental estima que o proxecto non supón un risco potencial de causar impactos ambientais significativos, tendo en conta as medidas protectoras e correctoras previstas.

Na Declaración de Impacto Ambiental sinálase que se empregará eucalipto existente e/ou excedentario que na actualidade se comercializa fóra de Galicia por falta de mercado interior, polo que non será preciso incrementar as plantacións, e aplicaranse pautas de compra responsable na adquisición de madeira de explotacións forestais certificadas.

Ademais, inclúese un estudo do medio socioeconómico realizado polo promotor, que analiza diversos aspectos relacionados co sector primario.

Redeseñarase o trazado das infraestruturas eléctricas para evitar afeccións no patrimonio cultural

En canto ao patrimonio cultural, o informe admite que na contorna se localizan varios elementos patrimoniais para os que a Dirección Xeral competente estableceu diversas medidas e cautelas a fin de evitar posibles afeccións.

De feito, apunta a necesidade de redeseñar o trazado dalgunhas infraestruturas eléctricas e de acceso a fin de reducir o impacto visual e protexer zonas sensibles, como a contorna do Camiño de Santiago e outros espazos patrimoniais.

Neste punto incídese en que as obras de instalación débense realizar no menor tempo posible para minimizar a súa afección sobre os bens turísticos e, a poder ser, evitando a súa coincidencia con festas e actividades socioculturais de importancia que se realicen na contorna do proxecto.

Na resolución indícase que antes da aprobación do proxecto, cada unha das medidas establecidas nesta declaración de impacto ambiental, incluído o desenvolvemento do programa de vixilancia e seguimento ambiental, deberán estar definidas e orzadas.

Finalmente, a declaración subliña que, ademais do obrigado cumprimento das condicións sinaladas, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, o órgano ambiental da Xunta poderá ditar condicións adicionais ás anteriores, “da maneira que proceda”.

Asemade, Greenfiber, a sociedade con participación maioritaria da portuguesa Altri e minoritaria da española Smarttia, xa iniciou os trámites co Ministerio de Industria para obter unha axuda directa de 250 millóns de euros destinada á construción da fábrica de pasta de celulosa e lyocell en Palas de Rei. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade