O BNG ve "un escándalo" o informe de Augas de Galicia sobre Altri e fala de "corrupción ambiental"
O BNG ve "un escándalo" o informe de Augas de Galicia sobre Altri e fala de "corrupción ambiental"
O PSdeG evita pronunciarse ata analizar o documento: "Así teremos unha opinión sólida e máis responsable"
O BNG volveu criticar o informe de Augas de Galicia que conclúe que o proxecto de Altri para Palas de Rei (Lugo) "cumpre" cos obxectivos ambientais esixidos.
En rolda de prensa, o nacionalista Luís Bará, asegura que estamos ante uns "acontecementos extraordinariamente graves e preocupantes", ante un "anuncio que aínda non se trasladou á oficialidade do papel", nin no Diario Oficial de Galicia (DOG) nin na web de Augas.
Bará: "Estamos ante a maior cacicada e o maior atentado ambiental no que vai de século en Galicia"
Neste sentido, criticou que o informe "saíu dunha maneira irregular" e cargou contra a "opacidade" e "falta de transparencia" da Xunta. Así as cousas, o Bloque solicitou no Parlamento, a través do artigo 9 do regulamento, toda a documentación do expediente relativo a Altri.
Bará lamenta que "a Xunta lle fixo un traxe a medida a Altri" a afirma que estamos "ante a maior cacicada e o maior atentado ambiental no que vai de século en Galicia"; un "exemplo de corrupción ambiental" por parte da Xunta, "con todas as letras".
Para o deputado do grupo nacionalista, "é un escándalo que se autorice -o proxecto- nestas circunstancias e nesta parte concreta do río". Neste contexto, o BNG organizará unha xornada o vindeiro sábado 15 de febreiro na Cámara autonómica para "dar voz" nela a entidades e colectivos en contra de Altri.
O PSOE non se pronuncia
A deputada do PSdeG, Paloma Castro, evitou pronunciarse sobre o informe de Augas de Galicia na comparecencia ante os medios que realizou este luns no Parlamento. Destacou que o seu partido rexeita "a política de Miguel Ángel Rodríguez de filtracións á prensa e datos non contrastados" e prefire analizar o documento antes de pronunciarse.
"Non vimos ese informe, é necesario esperar a ter ese informe na mesa, analizalo. Aí si teremos unha opinión sólida, máis responsable", xustificou.