Tres detidos en Pontevedra por facer apoloxía do terrorismo xihadista nas redes sociais
Tres detidos en Pontevedra por facer apoloxía do terrorismo xihadista nas redes sociais
Empregaban e difundían material multimedia oficial do Estado Islámico
Os tres quedaron en liberdade con cargos
Tres persoas foron detidas en Pontevedra por facer apoloxía do terrorismo xihadista e difundir material do Estado Islámico a través das redes sociais e plataformas multimedia. Os tres quedaron en liberdade, investigados por varios delitos.
Aos tres implicados, que foron detidos o pasado 20 de xaneiro pola xefatura do servizo de información da Garda Civil, investíganos por difundir consignas xihadistas e cantos relixiosos "cun forte poder adoutrinador no ideario xihadista extremista", explicou o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada. A Audiencia Nacional dirixe esta investigación.
Á hora de facer apoloxía do terrorismo empregaban e difundían, segundo os investigadores, material multimedia oficial do Estado Islámico "e transmitían mensaxes da súa rede oficial", ademais de adestrar a persoas "afíns ao Islam radical" e que, segundo subliñou o subdelegado, estaría xa en "fase avanzada de radicalización".
Outras detencións por adoutrinamento terrorista
Sumadas ás de Pontevedra, no marco de dúas operacións paralelas, o Servizo de Información da Garda Civil procedeu á detención doutras catro persoas en Madrid que desenvolvían unha intensa actividade en redes sociais, contando algún deles con decenas de miles de seguidores.
Por outra banda, axentes da Garda Civil, baixo a dirección do Xulgado Central de Instrución número 2 e da Fiscalía da Audiencia Nacional, detiveron tamén na provincia de Toledo a tres persoas pola presunta comisión de delitos de terrorismo.
O perigo dos detidos quedou acreditada á vista do material multimedia que acumulaban sobre organizacións xihadistas, especialmente do Daesh, con grande interese na execución de ataques suicidas protagonizadas por terroristas en zonas de conflito.