Publicador de contidos
Publicador de contidos

Prisión para o detido na Estrada por tráfico de drogas, e a parella queda en liberdade

Prisión para o detido na Estrada por tráfico de drogas, e a parella queda en liberdade

O home é reincidente e acaba de saír do cárcere, despois da última detención

Detivérono conducindo pola Estrada con droga no coche, e atoparon máis no rexistro da casa

G24.gal 03/02/2025 14:27

Decretan o ingreso en prisión do veciño da Estrada de 49 anos que foi detido polas forzas de seguridade cando levaba drogas no seu vehículo. A súa parella, de 45 anos, quedou en liberdade.

Trátase dunha parella que, segundo os investigadores, fixaría o tráfico de drogas como medio de sustento, conseguindo "considerables ingresos" que lles permiten gozar dun "ostentoso" nivel de vida.

A investigación sobre as dúas persoas comezou a principios do pasado mes de xaneiro cando as autoridades detectaron unha continua trasfega de vehículos e persoas, coñecidos consumidores de drogas, en busca da súa dose polos arredores da casa.

En xuño de 2024, o home xa fora detido polos mesmos feitos e cumpriu prisión ata mediados do mes de decembro.

Foi interceptado de novo pola Garda Civil o pasado sábado nunha pista próxima ao centro urbano da Estrada e os axentes acharon, oculta no vehículo, un pano de mesa en cuxo interior gardaba once doses de cocaína.

No rexistro do domicilio, que foi autorizado polo xulgado de instrución número 1 da Estrada, foron intervidas outras dezaoito doses de cocaína, 150 gramos de cocaína e 9.100 euros en billetes de diferente valor, que evidenciarían o delito que viña investigando.

Algúns dos seus veciños din que a súa actividade era "un segredo a voces".

"Movemento aquí víase. Moitas veces viña aí debaixo dos piñeiros chafallada, pero eu non sei o que pasaba".

"Eu falei con el un día e si que estivera no cárcere por outros xuízos pendentes que tiña".

Pero queixas, nin unha.

"Como veciño, saúda e é unha excelente persoa como veciño. Agora a vida privada xa non a sei".

A parella leva uns cinco anos vivindo de alugueiro en Matalobos, nunha casa pequena de pedra pegada á estrada. El vén de preto, da zona de Tabeirós. Ela, de Romanía. Dende que viven aquí o home xa pasou varias temporadas no cárcere. A última ata este nadal.

Coa boca pequena a veciñanza recoñece que aos seus corenta e pico anos leva supostamente media vida no negocio. Por iso, a redada desta fin de semana non os colleu por sorpresa. 

"Aquí comentaron que o trouxeron preso da Estrada e o ano pasado, ou hai dous anos, xa estivera preso e agora veu outra vez".

"Sabiámolo porque xa o detiveran máis veces e xa houbo outras redadas"

Desta vez, a Garda Civil detívoo con algo de droga cando circulaba polo casco urbano da Estrada. Ao parecer, marihuana e cocaína.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade