Publicador de contidos
Publicador de contidos

Escasea a oferta de grelo ao pé da N-550

Escasea a oferta de grelo ao pé da N-550

Cada vez hai menos grelo a vender na estrada que une Santiago e Ordes

Á falta de remuda hai que sumar este ano unha colleita nefasta

Os grelos son un reclamo na estrada N-550
G24.gal 03/02/2025 15:38 Última actualización 03/02/2025 16:25

Xa comezou o mes dos cocidos e as laconadas, pero hai preocupación este ano porque un dos ingredentes estrela escasea. A campaña dos grelos está sendo mala a nivel xeral en toda Galicia, mesmo a nivel doméstico.

Percíbese sobre todo ao pé da estrada N-550 en Ordes, onde xa non hai tantos postos de venda. Nótase que xa non é o que era. Antes en case todas as casas había quen os vendía ao pé da estrada.

"Si, moitos menos, moitos menos, si", comenta Lourdes Méndez.

"Porque os vellos acabamos e os novos non poñedes", apunta Celsa Garabato.

Parar na estrada para comprar os grelos, con todo habendo menos oferta, segue a ser unha tradición.

"Paran, que aínda paran cando non os hai", continúa Celsa.

"Góstannos moito os grelos desta zona", conta unha clienta.

Hai a quen lle cadra de paso, pero tamén hai quen vai a propósito.

"A propósito si, aproveitamos e imos a Santiago, pero si o motivo é mercar os grelos", comenta a clienta.

Este ano a campaña está resultando nefasta, mesmo para os pequenos produtores

 "Estanos a ir mal, mal porque hai pouco".

"E choveu moito e despois viñeron estas xeadas e tamén lle afecta".

"Vas aí e polo medio está todo queimado", quéixanse as veciñas de Ordes que venden ao pé da estrada.

Este luns había casas en que non tiñan nada para vender. Escasea o grelo e os prezos soben mesmo ata os 4 euros monllo. E a xente págaos porque saben que están acabados de apañar.

"Eu teño recordos moi bonitos, de ir a Santiago, de estar facendo a carreira, ir facer exames e logo volver pola noite, coller os grelos. Mesmo unha vez nos invitaron a estar coa familia arredor da lareira, facía un frío do demo, e ben, moi bonitos e seguimos coa tradición", recorda a clienta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos