Multitudinaria festa do lacón con grelos en Cuntis para despedir o Entroido
A cita gastronómica, que esgotou as reservas hai días, vai pola 26 edición
As reservas esgotáranse en Cuntis hai días para poder degustar un dos pratos máis tradicionais da cociña galega. Un menú completo con pan, bebida, café de pota e filloas, por 20 euros. Unha ducia de persoas traballou na cociña para compracer os dous mil comensais que acudiron a esta carpa.
"1.200 quilos de lacón, para que a xente coma ben, 950 quilos de patacas, 1.300 quilos de verdura, para que sobre, que haxa abundancia", Begoña Portela, cociñeira de Carpas Pontevedra.
Esta festa gastronómica cumpre 26 anos. Con ela, Cuntis despide o Carnaval tras o velorio e o enterro do chapante.
"O chapante é a nosa figura. Aos de Cuntis chámannos chapantes porque nos gusta comer, beber e despreocuparnos do resto. E é a nosa figura do Entroido. Cando o queimamos, acábase o Entroido e o lacón con grelos e toda a festa", Manuel Martínez, técnico de turismo do Concello de Cuntis.