A Festa do Caldo Galego de Mourente servirá máis de 4.000 racións este domingo
Unha muller e catro homes tomaron a capa este sábado como novos confrades da Orde da Festa do Caldo Galego de Mourente
Agárdanse servir máis de 4.000 racións de caldo no xantar popular que se celebra este domingo no local social
Micaela Martínez, xerente territorial do Catastro en Pontevedra, foi a única muller dos cinco novos confrades aos que esta mañá se lles impuxo a capa da Orde do Caldo Galego de Mourente, nunha cerimonia celebrada no pazo provincial de Pontevedra.
Os catro homes son Demetrio Gómez, concelleiro de Festas e Cultura do Concello de Pontevedra; Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade; Pablo Fernández, secretario xeral de Emprego da Xunta e Xosé Álvarez Castro historiador, escritor e investigador da memoria.
Ao acto que acolleu o salón de plenos da Deputación asistiron numerosos representantes de distintas confrarías e agrupacións gastronómicas, tanto do resto de Galicia, coma doutras partes de España e Portugal.
Mentres os membros da orde asistían aos actos protocolarios, nos fogóns instalados no centro social e veciñal de Mourente, os ingredientes do famoso caldo galego cocían a lume manso.
Degustación
Uns 600 mollos de grelos, 60 quilos de carne de polo e galiña, outros tantos de lacón e touciño, ademais de cacheira, faceira, chourizo e fabas se van empregar na elaboración do caldo que se vai degustar este domingo na carpa instalada no lugar.
Cuncas de barro serigrafiadas a dous euros e medio, para encher ás veces que se queira, e ración de cocido a sete euros entran no menú. Unhas cinco mil persoas se agarda que participen nesta homenaxe a un prato básico na gastronomía galega.