Publicador de contidos

Publicador de contidos

O grelo, protagonista na feira das Pontes

O grelo, protagonista na feira das Pontes

Dezaseis produtores presentan as súas colleitas a concurso

A cita acolle unha exposición de razas autóctonas gandeiras en perigo de extinción

G24.gal 02/03/2025 19:47

O grelo require para darse que o tempo o acompañe, e este ano na Feira do Grelo das Pontes temeron non ter produto que lucir.

"Vén pouco frío e cando xa vén o frío o grelo desaparece pero tivemos estas dúas semanas boas e o grelo veuse para arriba", explica Manolita Fernández, produtora de grelos.

Como Manolita, outros quince produtores presentaron as súas colleitas ao Concurso de Cestas, que premia os mellores feixes.

"Unha frescura, unha calidade e un corte ben feito e unha presentación", enumera Montse Gastelu, membro do xurado.

"Para ser un ano malo de grelos, a calidade que hai aquí é moi boa", asegura Francisco Monasterio, outro integrante do xurado.

Dúas concursantes, Marisol e Lucía, subliñan que a calidade obtense con cariño e coidados.

"Hai que agarimalo e coidalo", di Lucía Souto.

"É moi rico, pero dá moito traballo", engade Marisol Paz.

Os visitantes da feira tamén puideron gozar dunha exposición de razas autóctonas galegas en perigo de extinción: Ovella Galega, Cabra Galega, Galiña de Mos e Cabalo de Pura Raza Galega.

"Son razas que non dan moitos quilos de carne pero os que dan son moi bos. É calidade fronte a cantidade", explica Anisia Arias, da Federación de Razas Autóctonas de Galicia.

O cociñeiro Antonio Díaz e o seu equipo ofreceron unha degustación culinaria con produto destas razas.

"Unha carne con personalidade, cun sabor propio, cunha identidade que nos achega ao noso territorio", opinaba o cociñeiro.

Outra carpa da feira abría tamén a opción á sobremesa: freixós acabados de elaborar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade