Medallistas mundiais nun club de ximnasia de Pontevedra non teñen pavillón onde adestrarse
Medallistas mundiais nun club de ximnasia de Pontevedra non teñen pavillón onde adestrarse
Desde a pandemia o club non volveu ter un pavillón onde instalar os seus aparatos de xeito permanente
Calculan que poderían chegar a ser uns 200 deportistas no club se tivesen instalacións permanentes
O Club Ximnasia Pontevedra, co mellor palmarés galego en salto de trampolín e con deportistas recoñecidos a nivel mundial, reclama unhas instalacións nas que se adestraren de maneira segura, onde poidan instalar todo o seu material de xeito permanente e responder así á demanda que hai por parte dos cativos que queren iniciarse neste deporte.
Nun recuncho das pistas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva adéstranse desde a covid 20 ximnastas do club. Son só os que teñen unha bolsa deportiva. Entre eles medallistas, como Melania, que quedou a dúas décimas de conseguir a praza para poder ir aos xogos olímpicos. Antes eran 80 e adestraban na Xunqueira.
"Despois da pandemia quedamos sen esa instalación. Eu empecei no Centro Galego de Tecnificación e deixáronnos meter unha cama elástica. A partir de aí fomos medrando, con máis bolseiros, pero para o club seguimos sen ter unha instalación. Temos un pedaciño, e temos que desmontar todos os días porque aquí tamén adestran outros deportes", conta Melania Rodríguez, ximnasta, campioa do mundo en salto de trampolín e adestradora do club.
Grazas aos éxitos dos ximnastas teñen material para o seu adestramento, que por falta de espazo lle cederon a outros clubs. Agora para practicar neses aparatos teñen que desprazarse a diario case unha hora ata A Estrada. Aseguran que nestas condicións o club non pode medrar.
"Pasounos en varias ocasións que chama a xente para apuntar os seus nenos ou nenas a ximnasia e temos que dicirlles que non temos instalacións. En canto as teñamos, chamarémolos", asegura Melania
Para os máis pequeniños conseguiron espazo nun colexio, pero levan anos negociando co Concello para dispoñer dunhas instalacións permanentes.
"Conseguimos ter campións do mundo, de Europa, marcas mundiais, case clasificación olímpica... Que fariamos cun pavillón digno, onde adestrarnos as horas que queremos, sen desmontar o material", di a ximnasta.
Agardan que as institucións respondan a eses resultados e tamén á demanda dos futuros ximnastas que se queren incorporar.