A Xunta abre o prazo das axudas á rehabilitación en Camiños de Santiago e Ribeira Sacra
A Xunta abre o prazo das axudas á rehabilitación en Camiños de Santiago e Ribeira Sacra
O Goberno galego dedica a esta liña de subvencións un orzamento de 1 millón de euros este ano
Os propietarios de inmobles nas áreas de rehabilitación integral (ARI) supramunicipais dos Camiños de Santiago e da Ribeira Sacra xa poden solicitar as axudas destinadas á rehabilitación de vivendas e edificios residenciais convocadas pola Xunta de Galicia.
A administración autonómica dedica a esta liña de subvencións un orzamento de 1 millón de euros este ano.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas María Martínez Allegue resaltou a aposta da Xunta por asentar poboación no rural, “creando novos fogares que dean ás familias a oportunidade de comezar unha nova etapa vital na contorna da Ribeira Sacra e nas localidades polas que transcorren os diferentes Camiños”.
No que se refire ás axudas para ás ARI dos Camiños de Santiago e da Ribeira Sacra, o prazo finalizará o próximo 27 de febreiro e será requisito imprescindible contar coa cualificación definitiva outorgada polo IGVS, que se obtén despois de realizar as obras, para as que previamente debe obterse a cualificación provisional.