Os ximnasios multiplican os seus socios en xaneiro debido ao efecto "novos propósitos"
Os ximnasios multiplican os seus socios en xaneiro debido ao efecto "novos propósitos"
O novo deportista de xaneiro é unha persoa de mediana idade, arredor dos 45 anos, e que nunca practica deporte con constancia
Desde os ximnasios lembran que non hai que empezar con intensidade, pero si convencidos de que queremos estar ben física e mentalmente
Un dos propósitos que cada ano novo facemos é ese do cambio de vida, como deixar os hábitos prexudicias para a saúde ou perder os quilos que gañamos no Nadal. Un clásico é o de apuntarse a ximnasio.
Non falla. Cada xaneiro os adestradores e xerentes dos ximnasios xa contan con aumentar o número de socios sabendo que esa avalancha de novos deportistas se vai ir desinflando. Aínda que a sociedade cambiou e a saúde e o deporte están na vida cotiá dos máis novos o perfil do que se propón cambiar no arranque do ano segue existindo.
O novo ou nova cliente, o novo deportista de xaneiro é unha persoa de mediana idade, entorno aos 45 anos, e que nunca practica deporte con constancia. Menos da metade continuarán vindo e crearán o hábito. O resto virán un par de meses, pagarán sen vir uns meses máis para darse finalmente de baixa para tal vez volver a intentalo o xaneiro que ven.
Fran Fandiño, o xerente e adestrador deste ximnasio de Mos, o Centaurux Box, confirma algo que é máis vello que o fío branco. Ano novo, vida nova. Os ximnasios multiplican os seus socios entre as dúas últimas semanas de xaneiro e as dúas primeiras de febreiro.
"Novos proxectos. Os centros deportivos adoitan subir de altas por toda esta xente, que empeza o ano con moitas gañas. Sempre hai xente que queda no camiño. O propósito é baixar quilos. Pero depende do perfil. Hai xente nova que o que quere é tonificar para vender a súa imaxe, e despois hai xente de mediana idade que o que busca e mellorar a saúde e perder os quilos que gañou no Nadal", explica Fran Fandiño, xerente e adestrador do Ximnasio Centauro Box.
Outro clásico popular. Perder os quilos gañados durante o Nadal. Pero ademais dese obxectivo concreto a tendencia actual é a de fuxir do sedentarismo e por fin comezar un ano con bos hábitos que ademais da saúde mellore o noso aspecto e o estado de ánimo.
Desde os ximnasios lembran que non hai que empezar con intensidade pero si convencidos de que queremos estar ben física e mentalmente. A clave non é xaneiro senón a constancia todo o ano.