O BNG traballa nunha proposta de reforma do Estatuto para incluír o concerto económico
O BNG traballa nunha proposta de reforma do Estatuto para incluír o concerto económico
Iniciativas para “territorializar o sistema fiscal” e “lograr capacidade de recadación e capacidade normativa plena”
O PP desdeña a proposta
A portavoz nacional do BNG Ana Pontón anunciou este venres que a súa formación xa está a traballar nunha proposta lexislativa para reformar o Estatuto de forma que Galicia poida contar cun concerto económico que lle permita ter “a chave do seu diñeiro”.
Así o avanzou tras manter un encontro co grupo de traballo da área económica do partido para analizar a proposta de reforma do Estatuto que presentarán os nacionalistas e que inclúe iniciativas para “territorializar o sistema fiscal” e “lograr capacidade de recadación e capacidade normativa plena”.
Tamén cuestións para obrigar a que todas as empresas que traballen en Galicia ou exploten os recursos naturais do país “paguen impostos aquí”, e tamén a creación dunha axenda tributaria propia con capacidade de xestión, recadación, inspección e sanción.
Pontón defendeu estas propostas porque é “prexudicial para Galicia” co que se opera na actualidade e que fai que Galicia perda 1.500 millóns de euros ao ano, dixo.
“O BNG quere darlle a volta a esta situación e cambiar un modelo que non funciona”, esgrimiu a líder nacionalista, que incide na implantación do concerto económico.
A pesar do “limitado do marco político actual” mediante o cal “o Estado mantén unha férrea centralización das competencias tributarias, de tal maneira que segue controlando case de maneira absoluta os ingresos recadados e a capacidade para distribuílos”.
“É insostible que Galicia dedique practicamente o 80 % dos seus orzamentos a manter os servizos públicos pero non teña capacidade de decidir de maneira relevante nos impostos que se pagan e se recadan aquí”, reprochou Pontón, que subliñou que a comunidade autónoma necesita “ata o derradeiro euro dos seus recursos”.
Pontón fixo un chamamento ao presidente da Xunta Alfonso Rueda para que tamén traballe para frear a discriminación que sofre Galicia, que perdeu 23.000 millóns de euros desde 2009.
"Esta cifra elévase a 59.364 millóns, se temos en conta a diferenza entre o que o Estado ingresa por impostos pagos en Galicia e o que despois retorna en investimento”.
Ademais, a dirixente do Bloque tamén puxo o foco na situación do País Vasco e Cataluña, que si que conseguen avances na súa independencia fiscal; daquela, “Galicia non pode quedar atrás e ser a única nación que non conte con soberanía fiscal e financeira".
“Hai que mover ficha canto antes, porque Galicia xoga moito neste debate”, resolveu.
O PP desdeña a proposta
O portavoz do PP no Parlamento, Alberto Pazos, criticou a insistencia do BNG no concerto económico, que só serviría para “empobrecer Galicia primando o posicionamento ideolóxico fronte á realidade económica”.
“É preocupante a desconexión da señora Pontón coa realidade económica de Galicia”, resumiu Pazos, que cre que o concerto económico supoñería unha “diminución de recursos” para os galegos.