A chuvia ameaza a colleita de cereal na Limia
A chuvia ameaza a colleita de cereal na Limia
O cereal de inverno da Limia corre perigo tras as últimas borrascas
As leiras están anegadas e os agricultores calculan que o 60 % da produción xa está perdida
A chuvia tamén complicara a sementeira, que se reduciu a un terzo do habitual
Entre a auga, conxelada tras unha noite baixo cero na Limia, asoman uns febles fiúnchos de trigo. A súa supervivencia é complicada. Se non enraízan con firmeza na terra, acabarán secando, como se empeza a observar na coloración tostada dalgunhas plantas.
"As raíces están directamente na auga. Cando veña o bo tempo, se é que vén, estas plantas non van ser capaces de establecer un sistema radicular forte e van morrer", explica Servando Álvarez, técnico do INORDE.
Na Limia sementan habitualmente unhas seis mil hectáreas de cereal de inverno, que rende o dobre que o de primavera, pero este ano reducíronse a dúas mil polas chuvias de outubro. Agora, coas novas borrascas, calculan que o 60 % está perdido.
Houbo días en que se recolleron 30 litros por metro cadrado en menos de 24 horas, o que provocou acumulacións importantes de auga nalgunhas zonas.
"Esta finca é dunha hectárea e case se inundou toda. Algunha zona que só estea un día ou dous inundada, posiblemente se salve. Pero alí na esquina, onde é máis fonda, que é case a metade da parcela, xa se perdeu", lamenta Daniel Joga, agricultor.
Sinalan que levan xa un lustro sufrindo as consecuencias dos cambios nas estacións, con chuvias moi intensas concentradas en pouco tempo e seguidas de prolongados períodos de seca.