Cancelada a procesión do Encontro de Resurrección de Viveiro polo mal tempo
A chuvia frustrou varias procesións dunha Semana Santa declarada de Interese Turístico Internacional
A chuvia podería frustrar a última procesión, a Vía Lucis, prevista para as sete e media da tarde
Nesta Semana Santa de 2025 pasada por auga, Viveiro vive un domingo de Pascua cunha mestura de pena, frustración e resignación. A chuvia obrigou a suspender unha das procesións máis concorridas e emblemáticas, a do Encontro de Resurrección organizada pola confraría do Santísimo Rosario.
"A xente encargada de decidir se sae a imaxe ou non decidiron que non porque comezou a chover e o parte que dan di que vai seguir chovendo e entón o lóxico é quedar aquí para que non se estraguen as imaxes, hai que conservar o patrimonio", explica o portador Luís Tarrío.
Unhas imaxes, a de San Xoán e a dunha Virxe de loito, que debían atoparse na praza maior onde o apóstolo anunciaría a boa nova da resurrección de Xesús.
No seu lugar, substituíuse por unha pequena procesión no interior da igrexa seguida dun dos momentos máis agardados, a retirada do veo á imaxe da Virxe.
"Si, é mágoa polo traballo que se fai todo o ano e de toda esta semana, a montaxe das imaxes, os traxes, toda a xente que colabora con nós, ao final queres lucir todo ese traballo e lamentablemente toda esta semana non foi posible", afirma Adrián Vale Díaz, secretario da confraría do Santísimo Rosario.
"Non tivemos moita sorte con moitas procesións, quedou a Piedade dentro da casa, o viacrucis dos homes na casa, pero que se lle vai facer!, levabamos catro anos que saían todas e este ano tocou quedar", engade Luís Tarrío.
Cando o tempo o permite, a Semana Santa de Viveiro, declarada de Interese Turístico Internacional, e unha das máis antigas de Galicia, finaliza na tarde do domingo de Pascua coa procesión do Vía Lucis.