Riotorto enxalza os ferreiros e as forxas na Feira de Artesanía
Milleiros de persoas visitaron a Feira de Artesanía do Ferro, na que as forxas traballan ao vivo para que se coñeza o oficio
Celebrouse este domingo a XVI edición da Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto, un evento no que se enxalza o labor dos ferreiros.
O dos ferreiros é un oficio para o que apenas hai remuda xeracional, pero que foi esencial para a economía desta zona da provincia de Lugo, cando estes homes eran grandes provedores de fouciños e fouces; ferramentas que se precisaban na sega en Castela.
A Feira de Artesanía do Ferro está organizada polo Concello e a Asociación para a Promoción Social de Ferreiros de Riotorto co apoio da Xunta.
A feira contará coa presenza de ferreiros de Riotorto, A Fonsagrada, O Corgo, Santiago de Compostela, Culleredo, Navarra e Austria, que realizarán demostracións en vivo ante os asistentes. A artesanía do ferro será a protagonista da xornada, na que tamén haberá exhibicións doutros oficios como olería, cestería ou torneadura.
A cita inclúe actividades dirixidas ao público infantil, como un taller do ferro dirixido polo ferreiro austríaco Friedrich Bramsteidl e un espectáculo de maxia a cargo de Roberto Lolo.
Tamén haberá exposicións de artesáns e produtos do campo e animación musical durante todo o día. O recinto feiral abriu ás 11:00 horas e conta cunha carpa para albergar as actividades.