Publicador de contidos

Publicador de contidos

A feira cabalar cumpre coa tradición na Pascua de Padrón

A feira cabalar cumpre coa tradición na Pascua de Padrón

A feira cabalar congrega multitude de visitantes na busca dos mellores exemplares equinos

A Pascua tamén acolleu os concursos morfolóxicos de Pura Raza Cabalo Galego

 

G24.gal 20/04/2025 14:42 Última actualización 20/04/2025 16:17

Padrón está en festas e unha das súas grandes celebracións do ano é a Pascua, que congrega visitantes de toda Galicia. Ademais dos postos de mercado, o gran reclamo do día é a feira cabalar.

Nesta cita senlleira, que se remonta a catro séculos atrás, tratantes e gandeiros pechan tratos coma se non transcorrese o tempo.

"Aquí con este home fixen un trato: cambieille un poldro por un poni e agora imos a Marín co poni", conta un dos compradores esta xornada no Campo da Barca padronés.

Entre cabalos de monte ou de montura, ponis e tamén burros, que son moi pretendidos para coidar do gando, o ambiente da feira depende do lado do negocio.

"Pregunta moita xente pero tratos, poucos", asegura un tratante.

"O feirante é o feirante e hai que negociar", di un comprador.

Nesta feira tampouco podían faltar á cita os concursos morfolóxicos de cabalos organizados pola Asociación Pura Raza Cabalo Galego, con probas puntuables para a Copa Galicia e con diversas categorías.

"As probas de maior participación son os cabalos de pura raza galega, cabalos e eguas de pura raza galega maiores de tres anos; unha proba puntuable, proba oficial da Copa Galicia de 2025, que cumpre vinte e catro anos nas feiras galegas", comenta Xacobo Pérez Paz, presidente da asociación e un habitual da cita coa Pascua padronesa.

E como boa feira tamén houbo tempo para a esmorga e para recuperar forzas. Así o reflectían os testemuños dos que viñan para ver os cabalos, pero tamén para tomar o polbo e completar o día.

A Pascua de Padrón continúa toda a xornada con varios espectáculos e verbena de renome; e sen mirar cara ao o ceo, porque, como din os padroneses, "se chove, que chova".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade