Puente sitúa en 2027 a conexión ferroviaria do porto exterior da Coruña co Eixo Atlántico
Puente sitúa en 2027 a conexión ferroviaria do porto exterior da Coruña co Eixo Atlántico
As obras, empezadas en 2022, está previsto que estean rematadas en xuño de 2026, seguindo co límite de prazo do fondo europeo de 124,8 millóns de euros que as financia
Os dous túneles xa realizados permiten a conexión do porto exterior da Coruña coa rede ferroviaria da cidade herculina
O último tramo unirá as instalacións marítimas coa vía do Eixo Atlántico
O ministro de Transportes, Óscar Puente, sinalou este luns que a conexión ferroviaria entre o porto exterior da Coruña, o Eixo Atlántico e a rede de alta velocidade estará en funcionamento en 2027.
Puente activou a voadura que completou a escavación do túnel máis longo da ligazón ferroviaria ao porto exterior, situado en Punta Langosteira, en Arteixo. O túnel, con 3.738 metros de lonxitude, forma parte dun proxecto con outras dúas perforacións, unha xa realizada de 774 metros e outra pendente de facer con 743. Trátase dun túnel de case 5,3 quilómetros nun trazado de pouco máis de 6 quilómetros.
As obras, empezadas en 2022, está previsto que estean rematadas en xuño de 2026, seguindo co límite de prazo do fondo europeo de 124,8 millóns de euros que as financia. O ministro subliñou a cooperación entre administracións que levou a avanzar con esta obra, que se enmarca dentro dun obxectivo xeral de lograr un aumento do tráfico de mercadorías a través do tren no conxunto do Estado, cun 4 % actual fronte ao 17 % de media europea.
Os dous túneles xa realizados permiten a conexión do porto exterior da Coruña coa rede ferroviaria da cidade herculina, polo que queda por executar o terceiro. Este último, aínda pendente de estudo informativo, enlazará directamente co sur e unirá as instalacións marítimas coa vía do Eixo Atlántico que vai cara a Santiago sen necesidade de realizar ningún cambio de sentido.
Puente defendeu o compromiso do Goberno coa Coruña e exemplificouno con outras actuacións, como o concurso internacional de ideas dentro de Coruña Marítima, para definir os usos da área do porto interior que queda baleira co seu traslado a Langosteira. Transportes achegará 2,2 dos 3,3 millóns de euros de orzamento deste proxecto.
"O obxectivo é chegar ao 10 % de mercadorías por transporte ferroviario en España antes do ano 2030. Somos o país da UE que ten un menor tráfico de mercadorías por tren. Só un 4 % fronte ao 17 da media europea" explicaba Óscar Puente.
Desde a Xunta de Galicia agardan que estas obras se poidan completar. "Para darlle máis sentido á saída de mercadorías deste porto, a transformación da vía entre A Coruña, Betanzos e Lugo onde se atoparían as mercadorías que se poidan mover desde o porto de Ferrol. Eu Agardo que teñamos novas axiña", reclamaba o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo.
En relación coa humanización da avenida Alfonso Molina, a principal vía de acceso á cidade, lembrou que supón un investimento de 28 millóns de euros e conseguirá un "ritmo máis pausado cun deseño máis agradable" en toda a zona.