Renfe axusta horarios en trens de media distancia e Avant en Galicia
Renfe axusta horarios en trens de media distancia e Avant en Galicia
Os implicados corresponden a dous Vigo-A Coruña e un A Coruña-Ourense, co obxectivo de mellorar o servizo
Os billetes estarán dispoñibles ao longo do día de hoxe nas canles oficiais da compañía
Puente nomea a Álvaro Fernández de Heredia novo presidente de Renfe
Renfe mellorará a partir do 2 de febreiro a frecuencia de trens de servizos públicos que operan en Galicia, adaptando os horarios de saída e chegada a destino, e paso de estacións intermedias, de dous trens de media distancia Vigo-A Coruña e un Avant A Coruña-Ourense, co obxectivo de mellorar o servizo que se presta aos viaxeiros.
No Eixo Atlántico, o tren 9072 que realiza o traxecto Vigo Urzáiz-A Coruña efectúa a súa saída dende o pasado 8 de abril ás 6:15 h, tras a reorganización provisional do servizo que se levou a cabo con motivo das obras de Madrid Chamartín. Agora que estas acabaron, o tren volverá ao seu horario habitual, polo que a súa saída da cidade olívica será ás 6:34 h para adaptarse a un maior número de clientes.
Pola súa banda, o tren 9143 A Coruña-Vigo Urzáiz, con saída a día de hoxe ás 13:58 h, modificará levemente o seu horario e partirá da Coruña as 14:05h para mellorar as condicións de circulación ao non solaparse coa marcha do AVE Madrid-Vigo.
No servizo Avant, o tren 9201, que realiza o traxecto entre A Coruña e Ourense ás 19:42h, pasará a efectuar a súa saída desde a cidade herculina ás 21:00 h, para mellorar a oferta de última hora do día e que os clientes poidan regresar no último Avant do día nun horario que amplía as posibilidades de viaxe a horas máis tardías.
Os billetes para estes trens estarán dispoñibles ao longo do día de hoxe nas canles oficiais de Renfe: despachos de billetes das estacións, app Renfe, máquinas autovenda, na web www.renfe.com e no teléfono 912 320 320.