O selo Artesanía de Galicia chega aos traxes dos Xenerais da Ulla
O selo Artesanía de Galicia chega aos traxes dos Xenerais da Ulla
A marca certifica o minucioso traballo da modista estradense Susana García
Facer un gorro de xeneral lévalle un mes, e sete meses o traxe completo
Para que a tradición siga viva non abonda con ter novos xenerais. Cómpre tamén que alguén herde o talento e a paciencia de confeccionarlles os uniformes para a batalla. E esa agulla decidiu collela Susana.
"Sempre me gustou ese mundo, vivín desde nena o entroido da Ulla, e cando empecei a coser metinme cos traxes".
Aprendeu do mellor, o xastre Luis Montáns, que transmitiu o seu saber nuns cursos antes de xubilarse. Todos os traxes se inspiran na estética militar do século XIX, pero o toque de fantasía, plumas, bordóns e flocos vai no gusto de cada xeneral.
"Vai por zonas: os de Teo, a Estrada e Boqueixón queren máis adornos. Os da zona de Bandeira son máis sobrios".
Facer cada gorro pode levar un mes de traballo, e sete meses o traxe enteiro. Canto aos prezos, todo depende dos antollos do cliente, desde 2.000 euros o conxunto máis básico ata 5.000 os máis recargados.
Guíase polo patrón da tradición, pero de cando en vez tamén innova. E é que nisto do Entroido, as normas están para rompelas.
"Antes se respectaba máis a forma clásica, agora se innova segundo os gustos. É avanzar para que a tradición se vaia modernizando".
Para Susana non hai maior recompensa que a de ver os xenerais facendo os atranques coas súas confeccións. Pezas únicas, agora avaladas polo selo de Artesanía de Galicia, coas que poñer en valor o Entroido rural da Ulla.