Un cento de carrozas fabricadas en Ourense viaxan por toda Galicia
Un cento de carrozas fabricadas en Ourense viaxan por toda Galicia
Ante o aviso de temporal, buscan solucións estáticas para recibir os Reis
É a maior fábrica de soños de Galicia. Unha empresa do polígono de Barreiros, en San Cibrao das Viñas, construíu un cento de carrozas, para as cabalgatas de dentro e fóra da nosa comunidade. Levan desde o verán traballando nelas e ás portas do gran evento, o teléfono non para de soar. "Como facemos, a onde as levamos... polideportivos, recintos feirais...", coméntanos Juanjo Rodríguez, o fabricante, sobre as chamadas que está a recibir.
O aviso de temporal obriga a cambiar a programación no último momento.
"Temos desfilado con chuvia, con vento... pero moderado, non con rachas de 80 quilómetros por hora, que tiran sinais de tráfico e valados", explica Juanjo.
As carrozas son decorados móbiles, con anclaxes que os suxeitan á plataforma para garantir a estabilidade, pero en circunstancias extremas cómpre buscar alternativas.
"Como fixemos cando foi a pandemia: un formato estático no que, no canto de mover a carroza aos cidadáns, son os cidadáns os que veñen ás carrozas", engade.
A estas alturas as únicas carrozas que quedan na nave son as que teñen o destino máis cercano, a cidade de Ourense. Aínda que nesta cidade os Reis veñen en camelo, precisan carrozas de asistencia para levaren os agasallos e a comitiva real.