Publicador de contidos
Publicador de contidos

Continúa activo o aviso laranxa por temporal costeiro no litoral da Coruña e de Pontevedra

Continúa activo o aviso laranxa por temporal costeiro no litoral da Coruña e de Pontevedra

A Secretaría Xeral do Deporte suspende da actividade deportiva no mar nos municipios afectados polo temporal

Hai aviso amarelo por precipitacións intensas e ventos fortes tamén na montaña de Lugo e Ourense

G24.gal 04/01/2025 11:34 Última actualización 04/01/2025 22:26

A Xunta activou desde a tarde deste sábado a alerta laranxa por tormentas costeiras no litoral das provincias da Coruña e Pontevedra.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención a Emerxencias 112 Galicia aos municipios das provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e grupos de voluntariado de Protección Civil e clubs náuticos, entre outros. O obxectivo é garantir a seguridade de bens e persoas.

Co gallo de manter a seguridade, a Secretaría Xeral do Deporte comunicou a suspensión da actividade deportiva no mar nos municipios afectados, á vez que informaron á comunidade deportiva da necesidade de revisar o acceso ás instalacións e os sumidoiros.

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), informa de que o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo en todo o litoral coruñés debido a ventos do sur ou suroeste de forza 8 e a mares combinados do suroeste con ondas de ata cinco metros.

O litoral de Pontevedra, en aviso amarelo este sábado, pasa a nivel laranxa a primeira hora da xornada do domingno.

O sábado tamén estivo activado o aviso amarelo por precipitacións de ata 40 milímetros en 12 horas no oeste e suroeste da Coruña e refachos de vento de ata 80 quilómetros por hora nestas zonas e no noroeste da Coruña, na Mariña lucense e no interior de Pontevedra

O domingo mantéñense estes avisos de nivel amarelo e, no caso da alerta por choiva, chegará ás zonas das Rías Baixas, o Miño e o interior da provincia de Pontevedra, mentres que o aviso amarelo por vento esténdese ao interior da Coruña e á serra de Ourense.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado do litoral, é dicir, diques, espigóns e paseos marítimos. Pide tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Este sábado as temperaturas estiveron en positivo en toda Galicia, segundo informa MeteoGalicia.

Imaxe da Axencia Estatal de Meteoroloxia (AEMET)
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade