Unha borrasca profunda deixa chuvias e ventos fortes na véspera dos Reis
Unha borrasca profunda deixa chuvias e ventos fortes na véspera dos Reis
MeteoGalicia activou o aviso laranxa a partir do mediodía por vento do suroeste na Costa da Morte e no litoral noroeste da Coruña
Hai aviso amarelo por precipitacións importantes na provincia de Pontevedra, no oeste e suroeste da Coruña e no sur de Ourense
En Muras houbo de madrugada refachos de vento de 138 quilómetros por hora e en Lousame acumuláronse 80 litros/m2
Unha borrasca bastante profunda continúa preto de Galicia e está a deixar fortes ventos e chuvias intensas durante a xornada.
Dende primeira hora e ata este luns, todo o litoral permanece en aviso amarelo por ventos fortes e ondas que poden alcanzar os cinco metros.
Ademais, MeteoGalicia activou o aviso laranxa a partir do mediodía por vento do suroeste, forza 8, na Costa da Morte e no litoral noroeste da Coruña.
Atención tamén aos refachos de vento nas provincias da Coruña e Pontevedra, na Mariña e nas montañas de Lugo e Ourense. No municipio de Muras superaron os 137,7 quilómetros por hora na madrugada deste domingo e en Vimianzo, os 127.
Aviso amarelo por choiva
Do mesmo xeito, hai aviso amarelo por acumulacións superiores aos 40 litros/m2 en doce horas na provincia de Pontevedra, no oeste e suroeste da Coruña e no sur de Ourense.
Polo momento, onde máis está a chover é no concello de Lousame, con rexistros de 80 litros por metro cadrado en doce horas. Tamén se achegaron a esa cantidade en Noia, Santa Comba e Val do Dubra.
Para a noite, a cota de neve descenderá dos 1.300 metros ata os 1.200 nas montañas de Lugo e Ourense.