Hoteis e restaurantes do triángulo máxico esgotan as reservas para o Entroido
Hoteis e restaurantes do triángulo máxico esgotan as reservas para o Entroido
Os establecementos de Xinzo, Laza e Verín colgan o cartel de completo para as datas grandes da festa
Os cigarróns xa fan soar as súas chocas polas rúas de Verín dende o día de Santo Antón
En Xinzo a festa grande arranca co petardazo na medianoite do sábado para o domingo fareleiro, o nove de febreiro
Co Nadal aínda no padal, en boa parte da provincia de Ourense xa se activa o modo Entroido. Apenas vinte días marca o reloxo da conta atrás situado na praza do concello de Xinzo para o domingo fareleiro.
No coñecido como triángulo máxico, que conforman Laza, Verín e Xinzo, xa non quedan prazas en hoteis, aloxamentos e restaurantes para as citas grandes da festa.
En moitos casos, as reservas xa se fan dun ano para outro, así que, cando falta aínda máis dun mes para a semana grande, xa é complicado atopar un oco.
O Entroido segue a ser un gran referente turístico para estas vilas nas que os persoeiros centrais xa fan exercicios de quecemento.
O son tan característico das chocas escóitase xa polas rúas do Verín, que a partir de agora teñen un dono, o cigarrón, persoeiro que reina sobre o Entroido da vila.
"Aquí en Verín o día de Santo Antón é o punto de lanzada, xa podemos saír co traxe. E aquí estamos uns cantos colegas adestrándonos xa, porque o Entroido está aí", comenta un home vestido de cigarrón tras a súa fermosa máscara.
Xa non hai sitio na axenda nun dos restaurantes emblemáticos de Verín para os días grandes da festa.
"Os días cumio xa están completos, xa non hai sitio. E se tivera mil, mil metería, pero non podo porque o espazo é o que é", manifesta Antonio Álvarez, que rexenta o restaurante Brasil, en Verín, un local emblemático nas ceas de comadres e doutros días de Entroido na vila.
Queda máis dun mes para o xoves de compadres, evento que marca o inicio das celebracións en Verín. Nese día aínda se atopa algo. Pero para os seguintes xa non quedan prazas dende hai moito tempo.
"Aínda onte chamaron para reservar unha mesa, eran once persoas, e tiven que dicirlles que non. E dicían, pero se nós imos dende hai doce anos e aínda estamos en xaneiro. Si -contesteilles-, pero a xente non dorme", relata Antonio.
En Xinzo o cartel de completo xa se colga moito antes, na fin de semana do petardazo e o domingo fareleiro, que este ano cae o nove de febreiro.
"Hai días puntuais totalmente completos, como o domingo fareleiro ou a noite de féminas. Hai xente que fai reservas con bastante antelación, e agora é imposible reservar porque o hotel está cheo", comenta Daniel Moreira, que traballa na recepción do hotel Orly, no centro de Xinzo.
O éxito do triángulo máxico fai que outras vilas que celebran entroidos igual de ancestrais acollan tamén milleiros de visitantes, co propósito de gozar dunha das festas máis turísticas da provincia.