Publicador de contidos
Publicador de contidos

Merelles: "En FITUR imos potenciar esa capacidade de acollida dos galegos"

Merelles: "En FITUR imos potenciar esa capacidade de acollida dos galegos"

O pavillón de Galicia na Feira Internacional de Turismo en Madrid estará centrado en dous elementos: natureza e acollida

A Xunta prevé que economía galega medre por riba da media española, grazas ao turismo estranxeiro, que gasta o dobre

Posta do sol no monte do Gozo. EFE/ Lavandeira jr
G24.gal 19/01/2025 09:30 Última actualización 18/01/2025 20:15

A Xunta prevé que a economía galega medre este ano por riba da media española grazas, sobre todo, ao turismo, que está batendo marcas polo incremento de visitantes estranxeiros, que gastan case o dobre ca os viaxeiros nacionais.

É o prognóstico de Xosé Merelles, o director da Axencia Turismo de Galicia, que estivo na entrevista dos domingos da Radio Galega, ás portas de que arranque FITUR, a Feira Internacional de Turismo, que comezará o mércores en Madrid.

"Esta achega de turismo estranxeiro xa se está notando nos datos económicos de Galicia (...) e neste 2025 a previsión é que o PIB de Galicia medre por riba da media, sen dúbida, grazas ao efecto da actividade turística e, por suposto, dos visitantes estranxeiros, que gastan o dobre que un visitante nacional no destino".

Galicia aproveitará FITUR para exhibir as súas potencialidades: a oferta de natureza e paisaxes, a gastronomía, a cultura e tamén a capacidade de acollida dos galegos.

"O pavillón de Galicia estará centrado en dous elementos: natureza e acollida. Nesta edición de FITUR imos potenciar precisamente esa capacidade de acollida dos galegos, que tanto valoran os que nos visitan".

Entre os viaxeiros estranxeiros, explicou o director da Axencia Turismo de Galicia, destacan os estadounidenses, cuxo número se incrementou exponencialmente nos últimos anos, grazas ao Camiño de Santiago. A idea é seguir sumando máis visitantes da outra beira do Atlántico.

"Ese mercado (o estadounidense) é o que máis pode contribuír a elevar o gasto do turismo en Galicia".

O director da Axencia Turismo de Galicia tamén marca como retos para este 2025 que o turismo sexa unha actividade cada vez máis sostible e seguir mellorando a calidade tanto da oferta coma dos destinos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade