Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Policía investiga a morte da turista española atacada por un elefante en Tailandia

A Policía investiga a morte da turista española atacada por un elefante en Tailandia

O seu corpo está na illa turística de Phuket, onde se preparan os trámites da súa repatriación

G24.gal 04/01/2025 09:51 Última actualización 04/01/2025 10:14

A Policía de Tailandia está a investigar a morte da moza española que foi atacada o venres por un elefante, na illa de Yao Yai, no suroeste do país, cando lle daba un baño nun centro de paquidermos, pechado despois do incidente, segundo constatou EFE este sábado.

As forzas de seguridade explicaron que Blanca Ojanguren, de 22 anos, morreu despois de que o animal a empurrara coa trompa, o que desencadeou un golpe letal, sen que o incidente implicase o uso dos cabeiros, como aseguraran fontes do centro o día anterior.

Yan, o propietario do Koh Yao Elephant Care, onde ocorreu o incidente, confirmou que o centro está pechado, sen data prevista de reapertura, e que cando se produciu o ataque había unhas 18 persoas no lugar (10 traballadores e 8 turistas), entre elas o mozo de Ojanguren.

Tras recibir o golpe, a española foi trasladada de emerxencia a un hospital próximo, onde faleceu. Agora, na illa turística de Phuket, prepáranse os trámites da repatriación da moza, que cursaba estudos de Dereito e Relacións Internacionais na Universidade de Navarra.

Yan explicou que no centro hai tres elefantes, entre eles a femia de 50 anos implicada no incidente, e recibe a diario entre 10 e 30 visitantes, que acoden a este lugar para observar os animais ou darlles un baño ao aire libre.

Investigación

Segundo dixo, os axentes da Policía turística presentáronse este sábado no lugar, como parte da investigación do caso, o que inclúe a revisión das licenzas do centro e das condicións de funcionamento en xeral.

O director do centro, que entrou en funcionamento unha vez levantadas as prohibicións sanitarias da covid-19, engadiu que a elefanta tiña "décadas" de experiencia en actividades e espectáculos con turistas, pero asustouse por circunstancias aínda non aclaradas.

Está previsto que familiares da vítima cheguen esta noite a Tailandia para acelerar os trámites de repatriación.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade