Queixas polo tráfico nun barrio compostelán que concentra seis centros educativos
Queixas polo tráfico nun barrio compostelán que concentra seis centros educativos
A veciñanza de Lamas de Abade denuncia inseguridade viaria e molestias pola intensidade do tráfico, que atasca o barrio nas horas punta
O barrio compostelano de Lamas de Abade é un constante ir e vir de vehículos nas horas punta. Hai seis centros educativos na zona, así que o atasco é constante ao inicio e ao remate da xornada escolar.
"2.600 alumnos parece ser que hai, e ás nove da mañá e ao mediodía isto é tremendo", di Antonio, un veciño da rúa Divina Pastora. É unha vía estreita, sen beirarrúas, e de dobre sentido. Por ela soben e baixan peóns e vehículos, e é peor aínda cando o que se cruzan son autobuses ou outros vehículos pesados".
A veciñanza quéixase de que faltan beirarrúas, e denuncian falta de mantemento nas que hai.
"Ás veces chegan as silvas ao medio da estrada", di outro veciño. Maricarme, que vive ao pé da estrada, quéixase de que os vehículos "non collen" e "soben á beirarrúa" na porta da súa casa.
Din que padecen os ruídos e as molestias dun tráfico intenso, que -ademais-rebenta o firme na zona. Relatan que xa houbo algún sinistro e varios sustos, e temen que algún día "haxa algunha desgraza maior" no barrio.
No Concello de Santiago afirman que están estudando opcións para reordenar a circulación no barrio. Son conscientes de que a rede viaria da zona é deficitaria para a demanda de tránsito nas horas punta. Din que traballan nun proxecto de reforma que levará o seu tempo, porque implicaría acordo con propietarios particulares e outras administracións.