Bembrive en Pé segue en loita contra a ampliación da A-52 entre Vigo e O Porriño
Bembrive en Pé segue en loita contra a ampliación da A-52 entre Vigo e O Porriño
Este luns remata o prazo do proceso das alegacións deste proxecto que contempla a demolición de máis de vinte casas
Aseguran que partiría a súa rede de camiños parroquiais e afectaría á captación de augas para o regadío
Os veciños da parroquia viguesa de Bembrive seguen en loita en contra do proxecto de ampliación da A-52. A un día de expirar o prazo das alegacións, volveron manifestarse por unha obra que suporá a demolición de máis de vinte vivendas e a destrución, din, do seu modo de vida.
O 3 de febreiro remata o prazo de alegacións a este proxecto de ampliación da A-52, once quilómetros que pretenden unir Vigo e O Porriño para sortear un tramo de curvas considerado un punto de concentración de accidentes.
Segundo alegan varias asociacións, esta obra, que está en fase de proxecto aínda, suporía a demolición de máis de vinte vivendas, partiría o que hoxe se coñece como Bembrive, a súa rede de camiños parroquiais e afectaría tamén á captación de augas para regadío e para subministración.
Desde que o proxecto de ampliación da A-52 entre Vigo e O Porriño se publicou no BOE o 18 de decembro, ata o luns, día en que remata o prazo do proceso das alegacións, o movemento Bembrive en pé recopilou alegacións, cartos, asesorouse legalmente e non parou de protestar e manifestarse en contra desta obra.
Este domingo concentráronse no centro da vila e simbolicamente celebraron un funeral e un desfile de ánimas pola morte do seu estilo de vida.
"Tanto os veciños, que a nós nos preocupa, porque ao final é xente de aquí de toda a vida, ou xente que está empezando a súa nova vida, que leva moitos anos aforrando e que se hipotecou e que trae para aquí os seus fillos, porque é unha forma diferente, que a do do centro da cidade, e agora todo iso queda no aire. Pero sobre todo é unha cuestión de pobo, de ruptura e desunión. Porque iso ao final é unha fenda polo medio da parroquia, que nos vai deixar a parroquia partida", conta a TVG Roberto Estévez, presidente do movemento Bembrive en pé.
Cóntannos as veciñas e veciños de Bembrive en pé que senten o apoio de moitas outras asociacións. Este luns, por exemplo, FAVEC, a Federación de Veciños de Vigo, presentará novas alegacións e dará unha conferencia de prensa en apoio a Bembrive.
"Aos vigueses hai que dicirlles que os problemas da xente de Bembrive non só son problemas da xente de Bembrive senón de todo Vigo. Porque ao final Bembrive é unha senda verde, das poucas e únicas que quedan aquí", engade Óscar Álvarez, secretario da Federación de Veciños de Vigo (FAVEC).
O proxecto de ampliación da A-52 contempla tres tramos, un deles, un túnel. Bembrive, unha entidade local menor, ten case 4.500 habitantes.