Publicador de contidos
Publicador de contidos

A neve atrae numerosos visitantes ata o Cebreiro durante toda a fin de semana

A neve atrae numerosos visitantes ata o Cebreiro durante toda a fin de semana

As previsións de Meteogalicia baixaban a cota de neve ata os mil metros, con nevaradas intermitentes na montaña luguesa

Moitas familias e grupos de amigos acudían a Pedrafita, ben abrigados, a gozar da neve

Aínda que o frío vai continuar, xa vai ser o sol o protagonista no comezo da semana

G24.gal 02/02/2025 21:10 Última actualización 02/02/2025 21:33

Foi unha fin de semana de frío e neve na montaña luguesa. Esta é a estampa que podiamos ver no Cebreiro. Alí caía a primeira nevarada importante do ano, que invitaba a visitar a zona. Moitas familias e grupos de amigos acudían a Pedrafita, ben abrigados, a gozar da neve.

"Todo ben, planeámolo onte e vimos pasar o día aquí, xa viñemos pola mañá, vimos comer pero esperabamos algo máis de neve", di un dos visitantes.

As previsións de Meteogalicia fixaban a cota de neve nos mil metros, con nevaradas intermitentes. As temperaturas máximas roldaron os seis graos e as mínimas chegaron a marcar xa cara á noitiña valores negativos.

"É a primeira vez que veño, a primeira vez que vexo a neve, nin en Venezuela podes chegar a ver a neve pola situación e é moi bonito poder estar aquí e compartilo con vós", destacaba outro visitante.  

Este domingo estaba activado o aviso amarelo para a montaña de Lugo, que despois foi desactivado. A chuvia que caeu na madrugada derreteu parte da neve acumulada, aínda así adultos e a cativada puideron aproveitar unha fin de semana de diversión e de xogos coa neve.

"Tirarme pola zorra, facer guerra de neve, facer carreiras coa zorra". "Ía facer un boneco de neve pero vin que era tan difícil que ao final non o fixen, púxenme coas zorras", comentaban algunhas cativas. 

E aínda que o frío vai continuar, xa vai ser o sol o protagonista no comezo da semana.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar