Soltan un falcón e un gabián en Luíntra despois de curarlles as feridas nas as
Soltan un falcón e un gabián en Luíntra despois de curarlles as feridas nas as
Uns 300 animais pasaron polo centro do Rodicio, de referencia para a provincia de Ourense
Polo ceo da provincia de Ourense volven voar dende hoxe dúas aves que forman parte da nosa fauna autóctona. Son un gabián e un falcón peregrino que pasaron varios meses no centro de recuperación de fauna silvestre do Rodicio.
A solta destas dúas aves serve como acción de pedagoxía medioambiental, un xeito de coñecer máis de preto especies da nosa contorna. Estiveron arredor de tres meses no centro de recuperación do Rodicio para tratalas de feridas nas as.
"Unha vez pasada a fase de rehabilitación, comprobamos que son capaces de cazar na cámara de voo, procedemos á súa liberación nunha contorna que a nós parécenos a máis idónea", comenta Juan José Gómez Fernández, xefe de servizo de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente na provincia de Ourense.
Había tamén unha donicela que non agardou polas cámaras para retornar ao medio natural. Coas aves é máis doado traballar. Foron ceibadas en Luíntra, nun hábitat que coñecen ben.
"Tanto no canón do Sil como no río Miño hai nidificación de ambas as dúas especies. E no caso do falcón tamén hai niños identificados na contorna da cidade de Ourense. Iso para nós é un referente dende o punto de vista medioambiental", sinala.
Hai un centro de recuperación de fauna xestionado pola Xunta en cada provincia. O de Ourense está no alto do Rodicio e por alí pasaron no último ano trescentos animais.
"A maior parte deles son aves, pero tamén mamíferos como corzos ou raposos, pero maioritariamente son aves", sinala Juan José Gómez, responsable tamén do centro de recuperación de fauna silvestre do Rodicio.
A acción humana, os desequilibrios nos ecosistemas ou as enfermidades están a minguar de xeito cada vez máis acelerado a fauna salvaxe, que precisa tamén da nosa axuda para sobrevivir.