Valga celebra a Candelaria coa procesión dos lacóns
Valga celebra a Candelaria coa procesión dos lacóns
A tradicional poxa das patas do porco estivo moi animada esta mañá.
O concello de Valga vai solicitar a declaración de Ben Interese Cultural
Non hai celebración do día da Candeloria sen a súa bendición das candeas, pero só nun lugar a procesión sae cunha ducia de lacóns. En Valga, na parroquia de Cordeiro os fregueses manteñen viva unha tradición que ten a súa orixe no século XIX.
"É unha tradición de cando veu a peste aquí, morrían os porcos, a xente ofreceulle ao santo para que curasen os animais e mesmo as persoas, ofrecíanlle ao santo unha parte do porco. Quedaban sen el na casa para darllo ao santo", conta unha muller.
Os veciños ecomendáronse a san Paio, a santo Antón e a san Roque para que os animais e a xente afectada da enfermidade deixara de morrer. Desde entón cada dous de febreiro, sacan os tres santos nunha procesión de catro quilómetros que percorre boa parte da parroquia e renovan a ofrenda, aínda que cada vez son menos os que crían os porcos na casa.
"Agora críanse menos, pero a xente compra os lacóns para traelos. Eu comprei un de oito quilos. Lévoo traendo 30 anos, xa case teño oitenta"·
"Traio sempre para que non se perda a tradición e para que non vaian baleiras as cestas".
Tras a misa e os actos relixiosos, ten lugar a poxa dos lacóns, que acabarán na cociña do mellor poxador. Os beneficios serán doados á Igrexa.