Publicador de contidos
Publicador de contidos

Tres feridos pola explosión dunha pirotécnica en Tarragona

Tres feridos pola explosión dunha pirotécnica en Tarragona

Produciuse un incendio, xa estabilizado, que afectou á caseta que contiña o material e a 50 metros cadrados de monte

Dous dos feridos están moi graves, mentres que o outro permanece en estado grave

Caseta na que se produciu o incendio pola explosión de material pirotécnico. Bombers de Catalunya Caseta na que se produciu o incendio pola explosión de material pirotécnico. Bombers de Catalunya
G24.gal 29/01/2025 16:21

Unha pirotécnica estoupou este mércores en Vimbodí i Poblet (Tarragona), deixando tres feridos. Dous deles están moi graves e foron trasladados en helicóptero ao hospital Vall d'Hebron en Barcelona, mentres que o terceiro está grave no hospital Joan XXIII de Tarragona, segundo informa Protección Civil.

O accidente ocorreu ás 10:51 horas na empresa Pirotècnia Catalá e provocou un incendio, xa estabilizado, que queimou unha caseta illada con material pirotécnico e uns 50 metros cadrados de masa forestal.

O suceso obrigou a activar o plan de emerxencia exterior do sector químico de Tarragona (Plaseqta) —desactivado ás 12:08 horas— e a empresa puxo en marcha o seu plan de emerxencia e evacuou os seis traballadores (incluídos os tres feridos) que había nese momento.

Ata o lugar desprazáronse doce dotacións dos bombeiros, que traballaron na extinción do lume provocado pola deflagración do material pirotécnico e a pólvora que había no interior da caseta. Tamén acudiron efectivos de Mossos d'Esquadra e do Sistema de Emerxencias Médicas (SEM).

Estanse a investigar as causas do accidente.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade