Comeza a tempada de esquí en Manzaneda
Comeza a tempada de esquí en Manzaneda
As boas condicións meteorolóxicas animan a visitar e desfrutar da estación
Hoxe vai un día solleiro e con neve, unhas boas condicións meteorolóxicas coa que se inicia a tempada de esquí deste ano na única estación de Galicia, Cabeza de Manzaneda.
O tempo dos últimos días favoreceu a acumulación de neve e, malia que en xornadas anteriores o vento superou os 100 kilómetros hora, para esta fin de semana espérase a súa remisión, polo que se permitirá o desenvolvemento normal da xornada de esquí.
"Hoxe é o día perfecto! 19 pistas, 14 quilómetros esquiables, un sol brutal e a verdade é que estamos moi ledos de poder arrancar a tempada, aínda que sexa case febreiro. Estamos completos. E hoteis da comarca tamén están cheos, todo completo; (...) é o motor económico para toda a comarca e estamos moi contentos de poder abrir e poder alongar a tempada o maior tempo", explicou Víctor Picos, director da estación de montaña.
Moitos foron os que aproveitaron esta primeira xornada de sol para estrenar as pistas.
"Increíble! A verdade é que a neve está estupenda. Para ser Manzaneda, que normalmente non neva moito, este ano está incríble!, relata un aficionado.
Tarifas e servizos
O precio en tempada baixa (luns a venres) será de 22 euros e de 27 en tempada alta (fins de semana e festivos). Ofrécense tarifas reducidas para nenos, maiores de 65 anos e posuidores do Carné Xove, así como os prezos especiais dos martes, coñecido como o Día do Esquiador.
Ademais, atópanse xa operativos os autobuses lanzadera que conectan a zona de estacionamento coa cafetería e as taquillas.