Na parroquia de Chandebrito, en Nigrán, quedan sen luz cada vez que hai treboada
Os eucaliptos novos creban co vento e rompen o tendido eléctrico
Vinte e catro horas sen luz cada vez que hai temporal. Así asegura que vive a veciñanza de dúas zonas da parroquia nigranesa de Chandebrito: Rozadas e Pracíns.
Logo dos terribles incendios de 2017, no que morreron dúas mulleres, os eucaliptos multiplicáronse por sete, segundo as contas que bota o presidente da comunidade de montes e da asociación de veciños, Víctor Manuel Vidal Otero.
Son exemplares novos, altos e fráxiles e moi crebadizos, que están demasiado preto da estrada e do tendido eléctrico e que rompen con cada temporal danando as conducións eléctricas.
O domingo pasado fóiselles a luz contra as cinco da tarde, volveu ás once, pero antes da medianoite produciuse outra avaría e quedaron sen luz ata as sete da tarde do día seguinte, e así cada vez que hai borrasca.
Algúns cando non teñen luz, non teñen calefacción, non poden sacar auga do pozo e restrinxen o uso do móbil porque sen electricidade, non o poden cargar.