A Xunta abre o prazo dos campamentos dixitais de verán, con 9.300 prazas gratuítas
A esta iniciativa, dirixida a alumnos de entre 9 e 17 anos, destínanse 2 millóns de euros, e as estadías serán en quendas dunha semana entre o 23 de xuño e o 5 de setembro
Os centros dispoñen ata o día 15 de abril para tramitar as solicitudes

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, anunciou este sábado a apertura do prazo para que os centros educativos soliciten participar nos campamentos dixitais de verán.
Trátase, segundo a administración autonómica, dun novo programa que oferta unhas 9.300 prazas gratuítas para as familias, 7.000 delas nesta primeira convocatoria para centros públicos, que se completará con outras 2.300 máis para centros concertados.
O conselleiro declarouno na súa participación no acto de entrega de premios dos certames escolares organizados polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia.
Ademais de formaren e facilitaren a conciliación, os campamentos contarán cun amplo abano de actividades complementarias enfocadas á convivencia e a fomentar as relacións sociais e a cohesión dos grupos.
A esta iniciativa, dirixida a alumnos de entre 9 e 17 anos, destínanse 2 millóns de euros e as estadías serán en quendas dunha semana desde o 23 de xuño ao 5 de setembro, coincidindo co período de vacacións escolares.
Á hora de asignar as prazas, terase especial atención ao alumnado de contornas vulnerables.
Os centros dispoñen ata o día 15 de abril para tramitar as solicitudes.