A Xunta convocará "un mínimo de 1.600 prazas" de profesores nas oposicións de 2025
A Xunta convocará "un mínimo de 1.600 prazas" de profesores nas oposicións de 2025
O orzamento da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP para o próximo ano supera por primeira vez os 3.000 millóns
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, confirmou este luns que as oposicións de profesorado que se celebrarán no verán de 2025 terán "un mínimo de 1.600 prazas", que se podería incrementar cando se coñezan "as necesidades reais do sistema educativo" galego.
A cifra confirmouna Rodríguez na súa comparecencia no Parlamento para presentar os orzamentos do seu departamento para o ano que vén, que "por primeira vez superan os 3.000 millóns de euros".
A semana pasada, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, xa avanzaba que a próxima oferta pública de emprego (OPE) esgotaría a taxa de reposición máxima do 120 por cento que permiten os Orzamentos Xerais do Estado que actualmente están prorrogados. Este luns, o conselleiro confirmou que serán, polo menos, 1.600 vacantes.
Estas cifras van permitir que Galicia siga sendo a autonomía cunha das "menores" taxas de interinidade, "por baixo do 5 %" cando a media estatal está "no 24 %".