Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un vilagarcián marcha da casa por medo ao seu veciño

Un vilagarcián marcha da casa por medo ao seu veciño

Nun vídeo pode verse como o veciño lle rebenta o portal cun mazo

A vítima denuncia que leva anos padecendo ameazas e pide axuda á policía e ao concello

G24.gal 20/03/2025 14:46 Última actualización 20/03/2025 15:16

As imaxes gravadas coa cámara de seguridade non deixan dúbida da violencia coa que un home ataca o portal do seu veciño de rúa. Ao parecer, as agresións físicas e verbais comezaron hai cinco anos, pero a situación agravouse nos últimos tempos. Tanto que a vítima, un veciño de Vilagarcía de 63 anos, tivo que marchar da casa e ir vivir coa súa irmá por medo. 

"Meu tío ten problemas de saúde e tivo que marchar da casa por medo. Aquí non pode saír á rúa porque sae o veciño cun martelo e o ameaza, mesmo aí atrás sacou un coitelo", explica a sobriña da vítima, Leticia Domínguez Rey.

Teme pola vida do seu tío e pide axuda para que alguén se faga cargo da situación. Segundo di, o agresor padece unha doenza mental e podería non estar tomando o tratamento.

"Empeorou desde que morreu a nai, en xaneiro. Vive só e está día e noite facendo danos na casa do meu tío. Está sen vixilancia e eu creo que sen medicar".

Ten denunciada a situación ante a policía e o concello en numerosas ocasións. Mesmo asegura que o veciño foi condenado a arresto domiciliario por un dos ataques. Pero o problema persiste. Así que fai un chamamento para que interveñan os Servizos Sociais.

"Que actúen xa e miren por este home e o atendan, ou que o leven a un centro adecuado onde o coiden. Así non pode estar".

Asegura que o resto dos veciños tamén están afectados. Pero non tanto como o seu tío, xa que a súa casa está pegada á do acosador, co resultado dunha convivencia imposible.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade