Unha especie mariña exótica africana podería ameazar os mexillóns das Rías Baixas
A Pyura herdmani, localizada en Ribeira hai dez anos, chegou nos cascos dos pesqueiros dende o banco canario-sahariano
Unha especie mariña exótica, de orixe africana, podería chegar a ameazar os mexillóns das bateas das Rías Baixas se non se vixía a súa poboación. Ao ocuparen o espazo da flora autóctona prívana do seu alimento. Un estudo no que participaron investigadores galegos cre que probablemente chegaron ás nosas augas no fondo de barcos pesqueiros.
Citámomos coa catedrática e decana da Facultade de Ciencias do Mar en Vigo, Elsa Vázquez, unha das coautoras do estudo que determina a potencial perigosidade das Pyura herdmani para o mexillón galego. Xa hai dez anos estas ascidias mariñas foron localizadas en Ribeira.
"A primeira cita desta especie en augas europeas polo de agora está recluída en Ribeira. Esta especie está considerada unha especie que foi introducida artificialmente. Os nosos estudos amosan que chegou por vía marítima nos cascos dos barcos desde o banco canario-sahariano", conta a TVG Elsa Vázquez, decana da Facultade de Ciencias do Mar e coautora do estudo.
O estudo no que participaron ademais do CIM o Instituto Español de Oceanografía e a Universidade de Johannesburgo documenta como viven estas ascidias, de ata 25 centímetros. Poden adherirse ao fondo mariño e tamén a estruturas artificiais como as bateas. Ao ocupar o seu espazo privaría o mexillón de alimento.
"Dicimos que é potencialmente perigosa porque vimos noutros lugares do mundo, como, por exemplo, Chile, onde chegou e medrou moitísimo", engade Elsa Vázquez, decana da Facultade de Ciencias do Mar e coautora do estudo.
A favor de que non proliferen, hai un factor, que as larvas das ascidias só duran un par de días e non teñen capacidade de dispersión na columna de auga. En contra, teñen o incremento da navegación e a suba da temperatura da auga.